A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade reúnese co alcalde e empresarios de San Cristovo de Cea para avaliar as oportunidades laborais da zona
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade reúnese co alcalde e empresarios de San Cristovo de Cea para avaliar as oportunidades laborais da zona
Rivo sinala a importancia de reforzar os recursos destinados a ofrecer unha formación axustada ás demandas do tecido empresarial para dar resposta ás vacantes de traballo.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, mantivo hoxe unha xuntanza co alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, e empresarios do concello e da súa contorna na que abordaron as necesidades en materia de emprego da zona e os programas que se desenvolven neste eido na localidade ourensá a través da colaboración que manteñen a Xunta e a Administración local.
Un dos temas principais que se abordaron na xuntanza foron as ferramentas coas que conta a Xunta para facer fronte ás 15.000 vacantes laborais que existen na actualidade no mercado de traballo de Galicia. Así, a conselleira e o alcalde acordaron seguir a avanzar na importancia de ofrecer ás persoas sen emprego unha formación axustada ás demandas do tecido empresarial.
Rivo explicou que a Consellería está nun proceso de escoita para poder reforzar a colaboración entre as administracións para que as persoas que xa están traballando, como as que buscan emprego, continúen formándose para o seu perfecto encaixe no mercado laboral.