A Xunta anima en Edugal ás novas xeracións a emprender no eido musical ou na artesanía

A Xunta anima en Edugal ás novas xeracións a emprender no eido musical ou na artesanía

  • O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, presentou o proxecto ‘O camiño do emprendemento musical’ na xornada de clausura do 14º Salón da Educación e Formación de Galicia, que arrancou o mércores en Pontevedra.

     
  • No posto fixo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no que se informou sobre inserción laboral ou emprendemento organizáronse ademais diferentes obradoiros de cerámica e estampaxe para alentar novas vocacións artesás.

  • Ademais, Pablo Fernández participou na entrega de premios da 4ª edición dos ecommerce days, que se celebrou no Pazo da Cultura de Pontevedra e que son o broche final destas xornadas centradas no comercio electrónico e no márketing dixital.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, presentou hoxe en Pontevedra o proxecto autonómico O camiño do emprendemento musical no marco de Edugal, o 14º Salón da Educación e Formación de Galicia que hoxe pecha as súas portas tras arrancar o mércores. Trátase dun proxecto dirixido a mozos e mozas interesados en desenvolver a súa carreira no sector musical como saída profesional.  

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración contou en Edugal cun posto fixo que proporcionou información sobre a Rede de polos de emprendemento, sobre a ferramenta de intelixencia artificial EMi que funciona nas oficinas de emprego ou sobre como preparar un CV, unha carta de presentación ou unha entrevista de traballo botando man da recepción por parte de dous robots. Ademais, organizouse o Xogo de emprendemento para animar ás novas xeracións a crear os seus propios negocios e obradoiros gratuítos de cerámica e estampaxe impartidos por profesionais de Artesanía de Galicia.

En concreto, os ceramistas Carlos San Claudio e Nerea Carpente, do obradoiro Peixe Nero, encargáronse de dirixir un taller de torno cerámico que tivo lugar cada un dos tres días do evento. Por outra banda, os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop, impartiron tres obradoiros diferentes: o mércores un de cinaotipias, onte xoves un sobre a técnica xaponesa de estampaxe tradicional denominada Gyotaku aplicada sobre bolsas de tea e hoxe venres un taller de Marmoleado, unha técnica gráfica para colorear unha folla de papel con produtos non solubles en contacto coa auga. 

Entrega premios Ecommerce Days

Ademais, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais participou na entrega de premios eCommerce Galego e eCommerce emerxente da 4ª edición dos ecommerce days, que se celebrou no Pazo da Cultura de Pontevedra e que son o broche final destas xornadas centradas no comercio electrónico e no márketing dixital e organizadas polo Clúster do Ecommerce Galego co apoio da Xunta de Galicia.  Alí puxo de relevo o potencial de iniciativas coma esta para impulsar o ecosistema emprendedor galego e favorecer a conexión entre emprendedores, marcas e axencias do sector.

Neste ámbito destaca a segunda edición da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce, un programa desenvolvido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración co Clúster do Ecommerce Galego ao abeiro da Rede de polos de emprendemento. Esta iniciativa permite ás persoas participantes recibir formación e mentorización especializadas en comercio electrónico.