A Xunta asina o convenio para a formación en igualdade laboral de persoas traballadoras coa Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape)

A Xunta asina o convenio para a formación en igualdade laboral de persoas traballadoras coa Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape)

  • A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofrece un programa en liña para formar empresas en igualdade laboral grazas ao convenio subscrito con Fegape, que terá vixencia os próximos catro anos.

     

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asinou un convenio de colaboración coa Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape) para a formación en materia de igualdade e benestar laboral de traballadoras e traballadores, a través do campus en liña na materia.

Esta plataforma está consolidada como un espazo dixital que ofrece cursos por videoconferencia especializados no fomento, na formación e na sensibilización á sociedade en materia de igualdade laboral efectiva mediante accións gratuítas que abranguen eidos como a conciliación laboral, a corresponsabilidade, a prevención do acoso ou a perspectiva de xénero nos procesos de cualificación, contratación e prevención de riscos laborais.

A través deste acordo, que terá unha vixencia de catro anos, a Xunta e a Fegape ofrecen ás empresas e ás persoas traballadoras actividades formativas con perspectiva de xénero. Esta oferta está dirixida a máis de 10.000 traballadores das empresas integradas na federación co obxectivo de estender as medidas de igualdade laboral e a conciliación así como a responsabilidade social empresarial entre o tecido produtivo.

A Xunta de Galicia está comprometida coa promoción da sustentabilidade social empresarial. A comunidade, nesta liña, contará cunha nova lei de igualdade que impulsará este concepto como acicate para que as empresas favorezan a igualdade de oportunidades entre o persoal traballador con independencia do seu xénero e a creación de equipos diversos, mellorando a súa competitividade e converténdose en polos de atracción e retención do talento.

A comunidade galega será así a primeira administración do Estado en regular este concepto, co que aspira a modernizar e revolucionar a cultura empresarial con base nos valores ambientais, sociais e de gobernanza que están a rexer os mercados a nivel mundial.