A Xunta avanza para ter en funcionamento no último trimestre do ano o Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación

A Xunta avanza para ter en funcionamento no último trimestre do ano o Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación

  • A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou na Coruña as obras do futuro COE de Galicia, que coordinará as actividades relacionadas coa orientación laboral, co emprendemento e coa innovación, incluída a Rede de polos.

     
  • En paralelo á súa posta en marcha, este ano xa se veñen impulsando diversos convenios ao abeiro do COE, como a aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce, o programa Alento en materia de márketing ou a iniciativa de coliving Fixar.

     

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, vén de visitar na Coruña as obras do futuro Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación (COE) de Galicia, que se prevé ter en funcionamento no último trimestre deste ano. O obxectivo é que o COE galego coordine todas as actividades relacionadas coa orientación laboral, co emprendemento e coa innovación, incluída a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta con 14 centros abertos actualmente na Comunidade.

Segundo explicou a directora xeral, o Centro de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación para o Emprego de Galicia disporá de persoal cualificado para a orientación, asesoramento e acompañamento das persoas interesadas en desenvolver e levar a cabo os seus proxectos de emprendemento a través de fórmulas como a economía social e o micro-emprendemento. Así mesmo, estará dotado de todos os espazos necesarios para a correcta consecución dos obxectivos marcados.

Deste xeito, o COE e os servizos desenvolvidos ao seu abeiro configúranse como un instrumento destinado a mellorar a capacitación e a empregabilidade da poboación galega. Nese senso, desde este espazo desenvolveranse tamén liñas de traballo relacionadas co coidado e co respecto do medio ambiente (actividades formativas, de concienciación, divulgación, etc.) e de fomento da igualdade.

Aposta polo emprendemento

O COE galego formará parte da Rede de Centros Públicos de Orientación, Emprendemento, Acompañamento e Innovación para o Emprego que se establece a nivel estatal, que busca impulsar a colaboración entre o Estado e as comunidades autónomas para impulsar proxectos innovadores que reduzan o desemprego, fomenten a inserción laboral e o emprego de calidade, así como o apoio ás persoas emprendedoras.

En paralelo á súa posta en marcha, este ano xa se veñen impulsando diversos convenios ao abeiro do COE, como a aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce da man do Clúster do Ecommerce Galego coa que se está dando formación a un total de 23 iniciativas empresariais para que aprendan a lanzar, xestionar e rendibilizar os seus negocios en liña. Tamén o programa Alento subscrito co Clúster da Comunicación de Galicia para a prestación de servizos en materia de márketing e comunicación a unha trintena de iniciativas da Rede de polos ou o convenio coa Asociación Cultural Sende para poñer en marcha o proxecto piloto de coliving Fixar, co fin de impulsar o emprendemento no rural, atraer traballadores de alta cualificación -nómades dixitais-, fixar poboación e crear riqueza.

Así mesmo, cómpre engadir na actividade do COE galego os convenios asinados coas tres universidades públicas galegas -Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo- para impulsar o espírito emprendedor na comunidade universitaria.