A Xunta avanzará en 2025 na redución da carga burocrática para o colectivo autónomo co fin de consolidar o liderado autonómico neste sector

A Xunta avanzará en 2025 na redución da carga burocrática para o colectivo autónomo co fin de consolidar o liderado autonómico neste sector

  • José González pon en valor a aposta estratéxica pola simplificación administrativa, unificando en 2025 nunha única orde todas as axudas específicas neste eido, dotadas con máis de 40 millóns de euros.

     
  • Os actuais programas, que se manterán e seguirán medrando no vindeiro ano, apoian tanto o inicio da actividade autónoma, como a consolidación e crecemento dos negocios, a conciliación ou a contratación.

  • Estas iniciativas súmanse ao resto de axudas promovidas por Galicia no marco das políticas activas de emprego, situándose como a primeira Comunidade Autónoma co maior número de convocatorias publicadas.

  • Galicia é a segunda comunidade con maior presenza de persoas traballadoras autónomas con respecto ao total das afiliacións, situándose case 4 puntos por enriba da media nacional.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, manifestou hoxe o firme compromiso da Xunta co impulso do emprego autónomo e puxo en valor as novas medidas que se implementarán en 2025, entre as que salienta a aposta estratéxica pola simplificación administrativa. Así o sinalou hoxe no pleno do Parlamento, no marco da resposta a unha pregunta sobre as liñas de apoio específicas para este colectivo que está promovendo o Executivo galego.

O titular de Emprego destacou que a eficacia das medidas impulsadas polo Executivo galego reflíctese no peso do sector. Galicia é a segunda comunidade con maior presenza de persoas traballadoras autónomas con respecto ao total das afiliacións. O colectivo representa preto do 20%, case 4 puntos por enriba da media nacional, o que demostra a capacidade emprendedora da rexión e contribúe á creación de emprego e á competitividade económica.

Para continuar avanzando neste liderado, José González explicou que de cara a 2025 a Xunta seguirá potenciando o traballo por conta propia e unificará por primeira vez todas as axudas específicas para autónomos, dotadas con máis de 40 millóns de euros, que se lanzarán nunha única convocatoria para avanzar na redución da carga burocrática.

Apoios ao colectivo autónomo

Durante a súa intervención, José González lembrou o posicionamento de Galicia na atención ás políticas activas de emprego, sendo a Comunidade Autónoma cun maior número de convocatorias de axudas neste eido. No referido especificamente ao colectivo autónomo, deu conta dalgúns dos programas impulsados pola Xunta en 2024 e que se seguirán potenciando o vindeiro ano, tanto para apoiar o inicio da actividade –como o programa de promoción do emprego autónomo e da cota cero— como para axudar á súa a consolidación –Bono Autónomo—ou para favorecer a contratación, a conciliación coa vida familiar ou a remuda xeracional, entre outras.

Todo isto –indicou– no marco da Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo, dotada de 360 millóns de euros ata o ano 2027 e que pretende fortalecer o ecosistema competitivo do traballo por conta propia e potenciar a calidade dos novos proxectos.

Impulso ao emprendemento en Galicia

Os programas de apoio ao emprego autónomo compleméntanse, á súa vez, coas iniciativas desenvolvidas para favorecer o emprendemento ligado ao territorio como un eixo clave de xeración de emprego e que levaron a recibir o premio como Rexión Emprendedora Europea 2025.

José González remarcou que a Xunta seguirá potenciando esta área estratéxica a través da Rede de polos de emprendemento, que conta xa con 15 oficinas repartidas por toda a xeografía galega e que a día de hoxe xa atendeu uns 3.000 proxectos.