A Xunta colaborará co sector público e privado no impulso dun modelo directivo feminino máis inclusivo

A Xunta colaborará co sector público e privado no impulso dun modelo directivo feminino máis inclusivo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade asinou un protocolo coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Asociación de Mujeres en el Sector Público para formar 20 mulleres que toman decisións por medio dun proxecto piloto

Remarcou que un de cada tres postos directivos están ocupados na comunidade por mulleres, o que sitúa a Galicia entre as tres autonomías mellor posicionadas

Co marco hoxe creado a Xunta agarda avanzar na retención do talento e do liderado feminino e tomar como referencia a mulleres con responsabilidades directivas

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe un protocolo coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Asociación de Mujeres en el Sector Público para a posta en marcha dun proxecto piloto, no que colaborará tamén Real Impact, para fomentar o liderado das mulleres directivas a través da formación. Dez mulleres do sector publico e outras dez do privado participarán nesta experiencia que as entidades definiron de “única”, por xuntar mulleres con responsabilidades nestes dous eidos.

Por medio desta colaboración, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade impulsará “un modelo de liderado inclusivo e diverso” poñendo por diante a igualdade de oportunidades e o talento das persoas, indicou Lorenzana.

Aínda que en Galicia un de cada tres postos directivos ocúpao unha muller, sendo a 3ª  comunidade mellor posicionada -despois de Madrid e Andalucía- Lorenzana remarcou a necesidade de seguir a avanzar. “Que as mulleres ocupen cargos directivos de alta responsabilidade, converténdose en líderes da nosa sociedade, tanto no ámbito público como no privado, é unha prioridade para a Xunta de Galicia”, especificou no acto celebrado en San Caetano a conselleira, no que tamén reivindicou o “poder transformador” das persoas en posición de liderado.

O Goberno galego seguirá a apoiar iniciativas que fomenten a igualdade de oportunidades no territorio e para o que resulta esencial, afirmou a titular de Promoción do Emprego, a colaboración público-privada.

A través do marco hoxe creado, Galicia impulsará o desenvolvemento persoal e profesional das mulleres directivas, tanto no sector público como no sector privado. Trátase de fomentar un modelo que impulse novas ideas e posicións innovadoras, contribuíndo así na busca de solución aos desafíos a que se enfrontan na actualidade as persoas, nomeadamente as mulleres, responsables da toma de decisións.

O protocolo permitirá establecer, así, unha contorna de referencia para a acción coordinada que permita rendibilizar os recursos, metodoloxías, técnicas e procesos.

Dentro das liñas de colaboración e accións que se desenvolverán ata o 31 de decembro de 2023, difundirase entre as federacións e asociacións que integran a Confederación de Empresarios/as de Galicia e entre as mulleres directivas do sector público, a información necesaria sobre as actuacións a desenvolver, para fomentar a participación en programas de desenvolvemento persoal e profesional destas mulleres.