A Xunta destina este ano máis de 8,5 M€ a apoiar a contratación de orientadores laborais en concellos e entidades sen ánimo de lucro

A Xunta destina este ano máis de 8,5 M€ a apoiar a contratación de orientadores laborais en concellos e entidades sen ánimo de lucro

  • Estes apoios poden solicitarse desde hoxe ata o próximo 24 de febreiro tal e como reflicte a convocatoria de 2025 destas axudas publicada no Diario Oficial de Galicia.

  • Estes profesionais prestan asistencia para mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego e teñen parte activa no perfilado competencial que se está a realizar a través da ferramenta de intelixencia artificial EMi.

  • Fináncianse cunha contía máxima de 31.000 euros por cada técnico incorporado a tempo completo e con 32.000 euros cando o contrato sexa nunha entidade sen ánimo de lucro especializada na atención á discapacidade e/ou a persoas en risco de exclusión.

  • Coa convocatoria de 2024 destas achegas, o Goberno galego apoiou a contratación de preto de 260 orientadores laborais en máis de 90 concellos das catro provincias galegas e en arredor de 40 entidades sen ánimo de lucro.

     

As axudas da Xunta para apoiar a contratación de orientadores laborais en concellos e entidades sen ánimo de lucro poden solicitarse desde hoxe ata o próximo 24 de febreiro. Así o especifica a convocatoria de 2025 destes apoios publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e dotada con máis de 8,5 M€.

Os contratos terán unha duración dun ano financiándose estes postos cunha contía máxima de 31.000 euros por cada técnico en orientación laboral incorporado a tempo completo e con 32.000 euros cando o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro especializada na atención á discapacidade e/ou a persoas en risco de exclusión.    

Os orientadores prestan asistencia e artellan medidas encamiñadas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego (inscritas no Servizo de Emprego de Galicia). Entre outras funcións, elaboran diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados, proporcionan información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos, deseñan itinerarios individuais e personalizados de emprego ou informan sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

Ademais, os orientadores laborais contratados por concellos e entidades sen ánimo de lucro teñen parte activa no perfilado competencial que se está a realizar entre os demandantes activos de emprego a través da ferramenta de intelixencia artificial EMi, da que se beneficiarán 70.000 persoas nun ano. Concretamente, forman parte dos máis de 400 orientadores que se encargan deste cometido clave para casar oferta e demanda laboral en Galicia.

A través da convocatoria do ano pasado destas achegas a Xunta apoiou a contratación de preto de 260 orientadores laborais en máis de 90 concellos das catro provincias galegas e en arredor de 40 entidades sen ánimo de lucro, o que permite atender máis de 77.000 persoas desempregadas no conxunto da Comunidade.