A Xunta destinará ata 360.000 euros á colaboración coas universidades públicas galegas para o fomento da cultura emprendedora entre a mocidade

A Xunta destinará ata 360.000 euros á colaboración coas universidades públicas galegas para o fomento da cultura emprendedora entre a mocidade

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, asinaron hoxe un convenio por valor de 20.000 euros para formar o alumnado e promover iniciativas empresariais.

  • A Xunta de Galicia manterá colaboracións semellantes coas universidades da Coruña e de Santiago de Compostela por valor de cadanseus 20.000 euros.

  • Rivo anunciou que antes de que remate o ano mobilizaranse outros 300.000 euros co obxectivo de formar e traballar no fomento da cultura emprendedora co estudantado.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, asinaron hoxe un convenio de colaboración por valor de 20.000 euros en materia de promoción do emprendemento, para o desenvolvemento do espírito empresarial e o fomento da innovación entre esta comunidade universitaria.

O departamento autonómico destina este ano, por primeira vez, un total de 60.000 euros (20.000 por cada universidade pública galega) a promover actividades de impulso ao emprendemento no eido académico. A conselleira de Promoción do Emprego anunciou no acto de hoxe que esta colaboración ampliarase proximamente ata acadar os 360.000 euros nunha materia que está a ser prioritaria no deseño das políticas de emprego.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a reforzar este ano a colaboración coas tres universidades públicas mediante a formalización dunha decena de convenios que permitirán seguir a traballar, ademais de no impulso ao emprendemento, no fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero e na formación en materia de responsabilidade social empresarial (RSE).

Colaboración en igualdade

En materia de promoción da Igualdade a Xunta está a desenvolver, xunto cos entes académicos, o estudo novidoso e exhaustivo sobre conciliación e corresponsabilidade en Galicia, con datos sobre repartición entre mulleres e homes dos tempos e de distribución de tarefas domésticas e dos coidados, así como da percepción social existente ao respecto.

A Xunta de Galicia está a referendar, por outra banda, a colaboración coas universidades para desenvolver accións enmarcadas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Estímase acadar este ano as 40 accións formativas e de sensibilización, premios a traballos académicos con perspectiva de xénero, campañas de difusión, xornadas, obradoiros, charlas, etc.

En materia de Responsabilidade Social Corporativa, promóvense cursos de formación nun campo de interese estratéxico nas empresas, con formación nas novas obrigas de información empresarial sobre sustentabilidade e responsabilidade social empresarial. Máis de medio centenar de persoas resultarán beneficiarias dunhas medidas que poñerán o foco nas actualizacións normativas e nas novas tendencias nesta materia.

A colaboración entre a Xunta e as universidades garante que as políticas teñan o respaldo de investigacións académicas rigorosas, o que axuda na toma de decisións máis informadas e efectivas. Esta sinerxía permite ademais que a mocidade participe activamente nas iniciativas e reforce o seu papel como axente de cambio.