A Xunta e a Asociación de Empresarias de Lugo achegan a dez barrios da cidade o programa ‘O Nadal en Galego’
A Xunta e a Asociación de Empresarias de Lugo achegan a dez barrios da cidade o programa ‘O Nadal en Galego’
- O delegado territorial, Javier Arias, e a presidenta de AELU, Anjhara Gómez, presentaron hoxe a iniciativa, que busca potenciar o uso da lingua galega nas actividades de ocio
- A programación inclúe a montaxe de casiñas nas que os Reis Magos e Papá Noel recibirán aos nenos e nenas, obradoiros de redacción de cartas, talleres de animación á lectura e cantos de panxoliñas
Dez barrios da capital lucense acollerán actividades navideñas no marco do programa O Nadal en Galego, barrio a barrio, impulsado pola Asociación de Empresarias de Lugo (AELU) coa colaboración da Xunta.
O delegado territorial, Javier Arias, e representantes do colectivo empresarial, entre elas a súa presidenta, Anjhara Gómez, presentaron esta iniciativa que busca potenciar o uso do galego en espazos lúdicos e de ocio. Ao mesmo tempo, axuda a estender a programación de Nadal a todas as zonas da cidade.
Así, en cada barrio montarase unha casiña na que os nenos e nenas serán recibidos polos Reis Magos ou por Papá Noel, acompañados de dous elfos. Tamén haberá obradoiros de redacción de cartas de Nadal en galego, talleres de animación á lectura e cantos de panxoliñas tradicionais.
En canto ao calendario previsto, cada zona albergará o programa un día diferente. Así, en Fontiñas haberá actividades o día 5 de decembro; na Piringalla o día 9; en San Fiz o día 11; nas Gándaras o día 15; no barrio de San Antonio o día 18; en Recatelo o día 22; en Paradai o día 24; no Castiñeiro o día 29; no Sagrado Corazón o 2 de xaneiro e, por último, en Augas Férreas o 4 de xaneiro.
Arias felicitou á asociación por esta iniciativa, que pon en valor a cultura e as tradicións galegas como parte fundamental dunha celebración tan significativa como é o Nadal, e nun espazo de convivencia interxeracional. Ademais, deste xeito refórzase a colaboración co tecido socioeconómico de Lugo para promover o uso do galego no comercio e na empresa.
Destacou que a proposta segue a mesma liña das accións da Xunta para fomentar o emprego da lingua galega entre a infancia e a xuventude, con programas como Falamos + ou 21 días co galego, que teñen como escenario os centros educativos.
