A Xunta eleva a 13 M€ o orzamento mobilizado para apoiar o emprendemento co lanzamento dunha nova liña para financiar investimentos e contratacións
A Xunta eleva a 13 M€ o orzamento mobilizado para apoiar o emprendemento co lanzamento dunha nova liña para financiar investimentos e contratacións
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anuncia que o Consello aprobou hoxe unha nova liña para consolidar proxectos que leven como máximo tres anos e medio en activo.
Destaca que estas achegas inclúen incentivos “de ata 6.000 € para impulsar a contratación de persoas desempregadas”.
A nova orde de axudas está dotada con 6M€ para financiar investimentos e contratacións por emprendedores con ata 42 meses de actividade.
Súmase á referendada a semana pasada, que cunha dotación de 7M€ permitirá dar cobertura a investimentos realizados por emprendedores que arrancaron seus negocios a partir do 1 de xaneiro de 2021.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que o Consello autorizou activar unha nova liña de apoio ao emprendemento que estará dotada con seis millóns de euros para o período 2023-2024 e que se suma a aprobada a pasada semana, cun orzamento de sete millóns. “A Xunta investirá este ano 13 millóns de euros en dúas liñas de axudas para impulsar e consolidar negocios e empresas de recente creación”, indicou.
Tal e como explicou Calvo, coa iniciativa hoxe aprobada, o Goberno galego quere favorecer a continuidade e consolidación de iniciativas de emprendemento de persoas traballadoras autónomas, pemes e entidades da economía social cunha antigüidade máxima de 42 meses, é dicir, iniciativas “que leven menos de tres anos e cinco meses en activo”. Para acadalo, artéllanse achegas por investimentos, que poden acadar os 90.000 euros en función da súa intensidade, e incentivos á contratación de persoas desempregadas de 6.000 euros por contrato.
As entidades beneficiarias da orde poderán recibir pagamentos de entre 6.000 e 90.000 euros para compensar os seus investimentos (a partir dun mínimo de 10.000 euros) en equipamento informático, mobles, reforma de instalacións, ou bens de equipamento de segunda man, entre outros.
Ademais, tal e como explicou o vicepresidente primeiro, “esta liña de axudas inclúe incentivos de ata 6.000 euros para aqueles emprendedores que contraten a persoas desempregadas”. Para optar aos incentivos ao emprego, o empresariado debe solicitar tamén os apoios ao investimento, polo que ambos son complementarios. Neste eido, a Xunta concederá 6.000 euros por cada incorporación de persoas desempregadas (inscritas como demandantes de emprego no servizo público) coas que se formalice un contrato inicial indefinido a tempo completo, ou un de carácter fixo-descontinuo durante un mínimo de 9 meses a xornada completa entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de outubro do mesmo ano.
Promoción do Emprego e Igualdade priorizará no proceso de concorrencia competitiva que se abrirá para conceder os apoios da convocatoria que a actividade estea inserida no ámbito da industria, a transformación e/ou comercialización de produtos, os servizos do ámbito da economía e coidados (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola…) ou da formación para o emprego en sectores prioritarios. Tamén recibirán valoración as iniciativas con base tecnolóxica ou de especialización intelixente, as da economía social, radicadas en contornas rurais e as que destaquen polo seu compromiso coa igualdade e a presenza de mulleres e polo emprego xerado.
Axudas convocadas
A liña hoxe aprobada completa o catálogo de apoios aprobados este ano pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no eido do emprendemento. Hoxe ábrese o prazo, que permanecerá vixente ata o próximo 29 de setembro, para que empresas creadas a partir do 1 de xaneiro de 2021 poidan recibir financiamento para dar cobertura aos investimentos realizados entre o 5 de novembro de 2022 e a data da solicitude.
A Xunta de Galicia está a destinar 7M€ a estas achegas que van de 3.000 euros para o mínimo investimento financiable (de 5.000 euros) ata os 30.000 euros para a máxima (100.000 euros) para dar cobertura a investimentos xa realizados (debidamente xustificados mediante factura) en equipamento informático, melloras da eficiencia enerxética, adquisición de mobiliario, reforma e/ou habilitación de locais ou compra de equipamentos de segunda man, entre outros.
Con estas medidas, o Goberno galego segue a prestar apoio á consolidación de actividades económicas viables, que contribúan co seu esforzo á diversificación económica de Galicia, á creación de emprego de calidade e á sustentabilidade e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.