A Xunta eleva ata os 5,5 M€ as axudas para impulsar o emprego nas cooperativas e sociedades laborais galegas co obxectivo de chegar a case 600 beneficiarios

A Xunta eleva ata os 5,5 M€ as axudas para impulsar o emprego nas cooperativas e sociedades laborais galegas co obxectivo de chegar a case 600 beneficiarios

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se incrementa o orzamento da convocatoria deste ano en 1,2 millóns de euros -un 28% de aumento-, que permitirán acceder ás axudas a case 200 solicitantes máis.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se eleva un 28% -ata os 5,5 millóns de euros- o orzamento das axudas destinadas a impulsar o emprego en cooperativas e sociedades laborais. Así, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará á convocatoria deste ano 1,2 millóns máis, que permitirán que todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos da orde poidan resultar beneficiarias. 

Cómpre lembrar que o programa conta con dúas liñas compatibles entre si. A primeira, con axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen, sobre todo, persoas desempregadas, poderá acadar agora as 193 entidades beneficiarias (57 máis grazas á ampliación). A segunda, para beneficiar a quen entre como socia ou cun contrato indefinido a unha destas entidades ou ben inicie a súa actividade por conta propia, poderá chegar agora a un máximo de 377 persoas (123 máis).

A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos do 25% de concorrer circunstancias de dificultade de acceso ao mercado laboral, como ser muller ou maior de 45 anos, algunha discapacidade, persoas emigrantes retornadas ou residir en contornas rurais, entre outras. Como novidade este ano a orde incorpora ese 25% extra tamén no caso de cooperativas de nova creación que conten con catro ou máis socios. A Xunta de Galicia prevé así incentivos máximos de ata 19.500 euros de acumularse algunha destas variables para ambas as dúas liñas.

Desde o ano 2017, a Xunta investiu máis de 26,9 millóns de euros nesta iniciativa, o que permitiu a incorporación de 1.731 persoas a cooperativas e sociedades laborais.

Ligazón á orde no DOG: