A Xunta financia a contratación de 23 socorristas para a próxima campaña de verán en seis concellos do Salnés e O Ullán

A Xunta financia a contratación de 23 socorristas para a próxima campaña de verán en seis concellos do Salnés e O Ullán

  • A Consellería de Promoción do Emrpego e Igualdade anunciou a concesión de case 80.000 € para os municipios de Vilagarcía, Ribadumia, Sanxenxo, A Illa, Meaño e Catoira para garantir a seguridade en praias e piscinas.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vai financiar a contratación de 23 socorristas para a próxima campaña de verán en seis concellos das comarcas do Salnés e O Ullán ao abeiro da orde de axudas para o fomento do emprego e a mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade informou da concesión destas axudas, que veñen de notificarse aos concellos beneficiarios e que nestas comarcas ascenden a 79.626 euros.
 
Así, o departamento autonómico aprobou seis axudas de salvamento para as praias de Sanxenxo por importe de 22.146 euros, outras seis para o Concello da Illa de Arousa por unha contía de 21.120 euros, cinco para Vilagarcía de Arousa cunha achega de 17.000 euros e dúas para o servizo de socorrismo en piscinas en Meaño (7.040 euros), Ribadumia (7.040 euros) e Catoira (5.240 euros). En todos os casos, subvenciónase a contratación por espazo de dous meses.
 
“A seguridade no verán, especialmente en espazos acuáticos como praias e zonas fluviais ou recintos municipais como as piscinas, é fundamental para seguir mantendo a Galicia como destino seguro e por iso dende a Xunta colaboramos moito cos concellos para que se doten de profesionais axeitados”, sinalaron dende a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.