A Xunta financia a contratación de dúas traballadoras no concello de Neda con cargo ao programa Aprol Rural
A Xunta financia a contratación de dúas traballadoras no concello de Neda con cargo ao programa Aprol Rural
A delegada territorial, Martina Aneiros, coñeceu esta mañá ás dúas empregadas que se encargan de labores de limpeza viaria, parques e espazos públicos, así como traballos vinculados coa prevención de incendios
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberto ata o próximo 1 de marzo o prazo para que as entidades locais soliciten as axudas deste programa dotado cun orzamento de 7 M€
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Neda, Ángel Alvariño, e da xefa territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Judit Fontenla, coñeceu esta mañá ás dúas mulleres contratadas polo Concello con cargo ao programa Aprol Rural para acometer traballos relacionados, na súa maioría, coa prevención de incendios.
As persoas contratadas gracias a un apoio económico de 28.000 euros encárganse de labores de limpeza viaria, parques e espazos públicos, así como traballos vinculados coa prevención de incendios.
Neda é un dos 15 municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal beneficiarios da convocatoria de 2022 deste programa da Xunta dirixido aos municipios rurais. En total, a Xunta sufragou a contratación de 20 traballadores cun investimento de preto de 280.000 euros.
“Desta forma o Goberno galego proporciona ás persoas desempregadas a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral, ao tempo colabora na prestación de servizos municipais”, destacou a delegada territorial.
Martina Aneiros lembrou que ata o 1 de marzo está aberta a convocatoria deste ano que conta cun orzamento de 7M€ para a contratación de 500 persoas desempregadas en municipios do rural galego. Os apoios incluirán a contía de todos os custos salariais por cada persoa contratada, segundo o convenio colectivo vixente. Os importes das axudas poderán aumentar nun 15% en caso de que as contratación sexan para a realización dun traballo solicitado conxuntamente por varios Concellos.
Contratación de perceptores da Risga
A delegada territorial incidiu en que esta colaboración enmárcase nos programas da Xunta para impulsar o emprego local, que inclúen outras liñas de axudas como as dirixidas a contratar a persoas perceptoras da Risga, das que o Concello de Neda tamén se beneficiou o pasado ano. Sufragouse a contratación doutras dúas persoas cun investimento superior aos 21.500 euros.
A convocatoria das axudas para a contratación de persoas en risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga) dirixidas tamén a entidades locais galegas tamén ten o prazo de solicitude aberto ata o próximo 1 de marzo. “Nesta edición inclúen un orzamento de preto de 7,7 M€ para a contratación de 600 persoas en toda Galicia”, indicou a representante da Xunta.