A Xunta financiará con case 50 M€ máis de 1.000 cursos de formación para persoas desempregadas priorizando as áreas que demandan
A Xunta financiará con case 50 M€ máis de 1.000 cursos de formación para persoas desempregadas priorizando as áreas que demandan
Centros de formación profesional para o emprego poderán cualificar máis de 16.000 persoas neste 2022 e 2023
Priorízase a oferta de cursos en áreas con demanda de traballadoras e traballadores como a industria 4.0, as competencias dixitais ou a atención sociosanitaria
Persoas en ERTE e con discapacidade física, psíquica ou sensorial serán destinatarias preferentes da oferta formativa
Mais de 67.000 persoas participaron nas accións formativas dende 2014, seis de cada dez conseguiron un contrato
A Xunta de Galicia está a situar a cualificación profesional no centro da axenda política no marco da estratexia ‘Xempre Contigo’ que busca mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade do mercado laboral galego
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2022 A Xunta financiará con 49,7 millóns de euros un total de 1.063 accións que impartirán en 2022 e 2023 centros ou entidades de formación acreditados coa finalidade de mellorar a cualificación de 16.047 persoas desempregadas. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de resolver esta convocatoria que supera en presuposto nun 12% o establecido na edición anterior.
O Goberno galego segue a apostar con esta medida pola formación flexible, coa teleformación e a aula virtual como modalidade de impartición.
Nos cursos son colectivo prioritario as persoas afectadas por ERTE, así como as galegas e galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poden tomar parte nestas accións -cun tope do 30% de participación- persoas traballadoras ocupadas sempre que as prazas non se cubran con desempregados.
A Xunta quixo primar na actual convocatoria as accións formativas que tratan de anticipar a formación ao novo modelo produtivo, coa mirada posta nos sectores máis innovadores e á oferta formativa dirixida a persoas desempregadas con baixa cualificación.
A formación, así, porá o foco en competencias clave ou especialidades para obter certificados de profesionalidade. A convocatoria deste ano pon o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego con prioridade para contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra: atención sociosanitaria, instalacións solares, socorrismo e salvamento, xestión contable ou restauración, entre outras. Ofrécese como novidade, ademais, un módulo transversal de formación en prevención de riscos laborais que capacitará ás persoas participantes para o desempeño de funcións de nivel básico neste eido.
Durante este ano e 2023 a Xunta apoiará a celebración de 335 cursos (16,4M€) por entidades da provincia da Coruña; 196 (8,4M€) na de Lugo; 205 (8,4M€) en Ourense e 327 (16,3M€) na provincia pontevedresa.
Desde o ano 2014 o Goberno galego leva financiadas por valor de case 253 millóns de euros, un total de 5.374 cursos nos que tomaron parte cerca de 67.000 persoas. A media de inserción durante este tempo acadou o 60%, co que 6 de cada 10 persoas que participan nas accións formativas para desempregados conseguen a súa meta obter un contrato no mercado laboral.
O programa, financiado con fondos finalistas do Ministerio de Educación e Formación Profesional, insírese no Plan galego de Formación para Emprego, dotado para o presente ano con 117 millóns de euros, o que supón máis do 77% con respecto ao exercicio anterior
‘Xempre Contigo’, para mellorar a empregabilidade
Este conxunto de actuacións atopan o seu encaixe cun dos obxectivos que está a desenvolver a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no marco da estratexia Xempre Contigo: mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade de galegas e galegos a través da cualificación profesional por medio dunha formación flexible e adaptada aos cambios do mercado laboral.
Para acadar esta meta, a Xunta promoveu a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, froito dun gran pacto social que está a situar as capacidades das persoas no centro da axenda pública. Trátase de mobilizar recursos públicos e privados para crear unha contorna de aprendizaxe permanente, que conecte o capital humano coas necesidades de man de obra que demanda o tecido produtivo.
Na mesma liña, o Goberno galego está a traballar para facer máis accesibles, próximos e dinámicos os servizos de emprego para dar resposta dun xeito áxil ás necesidades dos traballadores e empresas; e avoga por impulsar, en paralelo, o emprendemento no territorio e as políticas de apoio aos autónomos e á economía social.