A Xunta imparte unha xornada para evitar riscos laborais ante a exposición a axentes nocivos nos espazos de traballo

A Xunta imparte unha xornada para evitar riscos laborais ante a exposición a axentes nocivos nos espazos de traballo

  • A xornada técnica realizouse en formato mixto, de xeito presencial no centro do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) da Coruña e emitida en streaming a través da canle audiovisual do instituto.
  • Na actividade tomaron parte traballadoras e traballadores, tanto nos talleres de pedra natural e aglomerados de cuarzo, como na colocación destes materiais en obra e domicilios.
  • O ISSGA lanza en paralelo a campaña Prevención da exposición a sílice cristalina respirable en talleres e obras para concienciar e sensibilizar a este sector.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, organizou hoxe unha xornada de prevención de riscos laborais ante a exposición de axentes nocivos en espazos de traballo. En colaboración co Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST), o Instituto Nacional de Silicose (INS) e o servizo de prevención de REPSOL petróleo CI da Coruña, desenvolveuse esta iniciativa, de dúas horas de duración, de xeito presencial no centro ISSGA da Coruña e emitiuse tamén en streaming a través da canle audiovisual do Instituto.

No curso avaliáronse, entre outros, as novidades derivadas da recente actualización da Guía técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) sobre a prevención dos riscos por exposición a axentes tóxicos e sobre a atención na prevención da exposición á sílice cristalina respirable (SCR) no ámbito laboral.

Esta xornada enmárcase dentro do plan de actuación do ISSGA do ano 2023 na súa aposta pola promoción da prevención, mellora da xestión e redución da sinistralidade. O ISSGA desenvolve desde a súa creación diferentes actuacións dirixidas á mellora das condicións de traballo nas empresas con exposición a axentes tóxicos como é por exemplo a sílice cristalina respirable.

Neste eido e de xeito paralelo, o ISSGA realiza a nova campaña Prevención da exposición a sílice cristalina respirable en talleres e obras para concienciar e sensibilizar ao sector que traballa tanto a pedra natural como os chamados aglomerados de cuarzo, ben no taller ou ben na obra ou colocando estes materiais nos domicilios.

A campaña identifica dun xeito claro as operacións de risco e as medidas preventivas que se deben aplicar para evitar riscos laborais ante a exposición de axentes tóxicos nos espazos laborais.

Esta campaña forma parte da estratexia da Unión Europea en materia de seguridade e saúde no traballo co obxectivo común de aumentar a concienciación sobre os riscos da exposición de axentes nocivos no traballo e intercambiar coñecementos nesta materia.