A Xunta impulsa a mellora e consolidación de empresas e negocios de autónomos cunha nova edición do programa Galicia Camiño Emprendedor
A Xunta impulsa a mellora e consolidación de empresas e negocios de autónomos cunha nova edición do programa Galicia Camiño Emprendedor
- O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou no Barco de Valdeorras na primeira etapa desta iniciativa que promove o mentoring combinado co reto de realizar etapas do Camiño.
O programa ofrecerá catro percorridos ata decembro por tramos do Camiño de Santiago das catro provincias.
As persoas interesadas en participar nalgunha das etapas poden formalizar a súa inscrición vía web ata 24 horas antes da partida.
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou na primeira etapa entre Puente de Domingo Flórez (en León) e A Rúa, do programa Galicia Camiño Emprendedor, co que un ano máis a Xunta de Galicia combina as accións de acompañamento a emprendedores coa realización de tramos do Camiño de Santiago.
O obxectivo da iniciativa, que o Goberno galego leva a cabo en colaboración coa Fundación Ronsel, consiste en apoiar profesionais autónomos e empresarios, acompañándoos na consolidación e mellora dos seus negocios. Tamén se trata de promover a sustentabilidade nas empresas da economía social e no traballo autónomo.
Outro dos beneficios desta acción consiste en facilitar a xeración de contactos profesionais entre os participantes, así como promocionar Galicia e o Camiño de Santiago como destino de ocio e actividade económica.
Galicia Camiño Emprendedor estrutúrase en catro etapas do Camiño de dúas xornadas cada unha, que culminarán o 14 de decembro coa chegada a Santiago de Compostela.
Na primeira etapa, que se completa hoxe, os participantes percorrerán os 31 quilómetros que separan Puente de Domingo Flórez (en Léon) da Rúa. Os días 19 e 20 de outubro está programada a segunda andaina entre O Reguengo, en Vilamarín, e Chantada. En novembro (días 23 e 24) cubrirase o tramo do camiño comprendido entre Tui e Redondela. Para rematar, elixiuse o tramo entre Arzúa e Santiago de Compostela, que se completará os días 13 e 14 de decembro.
En cada unha das andainas poden participar 6 persoas emprendedoras e 6 mentores. As inscricións poden formalizarse ata o día antes da saída a través da web: https://oficinadoautonomo.gal/inscricion-programa-camino-emprendedor-2023.
Unha mesma persoa só poderá tomar parte nunha soa etapa, salvo que se rexistren prazas vacantes. A organización atende os gastos de manutención e pernocta dos participantes dende o punto de saída ata o lugar de chegada.