A Xunta inviste 2,1 M€ para impulsar a contratación de máis de 170 axentes de emprego e desenvolvemento local nos concellos galegos
A Xunta inviste 2,1 M€ para impulsar a contratación de máis de 170 axentes de emprego e desenvolvemento local nos concellos galegos
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén de resolver a orde para financiar a contratación deste persoal por parte das entidades municipais.
O obxectivo é apoiar aos consistorios na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén de resolver a convocatoria deste ano destinada a que os concellos galegos contraten axentes de emprego e desenvolvemento local, apoiando cun importe superior aos 2,1 millóns de euros a un total de 172 entidades municipais e outras tantas persoas beneficiadas. En concreto, 51 pertencen á provincia da Coruña, 36 a Lugo, 46 a Ourense e 39 a Pontevedra.
As funcións principais destes axentes son, entre outras, detectar oportunidades de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego, identificar novas actividades económicas e posibles persoas emprendedoras, levar a cabo accións de sensibilización cara á promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego ou apoiar ás persoas promotoras das empresas, acompañándoas tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento.
Deste xeito, o obxectivo desta medida é contribuír á dinamización da economía local e á xeración de novas actividades no ámbito local e rural, fixando así poboación.
Rede de Técnicos de Emprego de Galicia
Con estas axudas, a Xunta potencia tamén o papel da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia como motor do emprendemento e da creación de emprego co gallo de apoiar a constitución de pequenas e medianas empresas, favorecendo un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido e pegado á realidade de cada territorio.
Entre as actuacións desta Rede inclúense o acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a súa viabilidade técnica, económica e financeira e aplicando técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados, para contribuír á boa marcha das empresas creadas.
Rede de polos
Ao mesmo tempo, os axentes de emprego e desenvolvemento local contribúen ao impulso do emprendemento, ámbito estratéxico no que a Xunta traballa a través doutras medidas pioneiras como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que conta xa con 15 centros activos no conxunto do territorio e presta asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase na que se atope o seu proxecto empresarial, acumulando xa máis de 3.000 atendidos.
Para seguir avanzando neste camiño, en 2025 a Xunta destinará 32 millóns de euros ao emprendemento, poñendo o foco na coordinación de esforzos e na especialización, facendo fincapé nos sectores estratéxicos de cada territorio. Ademais, incidirá na simplificación administrativa para as persoas autónomos –colectivo clave no emprendemento–, unificando nunha orde todas as axudas específicas para o colectivo, con máis de 40 millóns de euros.