A Xunta lanza a primeira convocatoria de microformacións a demanda para atender as necesidades específicas das empresas galegas

A Xunta lanza a primeira convocatoria de microformacións a demanda para atender as necesidades específicas das empresas galegas

  • O DOG publica hoxe a orde destinada ao financiamento de accións formativas para as persoas traballadoras ocupadas, que as empresas poderán solicitar de xeito inmediato a través das entidades e centros de formación acreditados.

     
  • Así, unha empresa poderá seleccionar e fragmentar de xeito cirúrxico a demanda formativa para os seus traballadores, podendo escoller desde a amplitude dun grao C -deica 1.000 horas- ata unha microformación concreta de 40 horas dun grao A.
  • Deste xeito, unha compañía do sector naval poderá solicitar un curso sobre documentación técnica para construción e reparación naval asociado a un módulo profesional -grao B- ou unicamente un bloque dese curso de deseño 2D e 3D -grao A-.
  • Cun orzamento de 4 millóns, a Xunta reforza a súa aposta polas microformacións como unha ferramenta estratéxica para cubrir as vacantes do mercado, reforzar a competitividade das empresas e facilitar o crecemento profesional.
  • O prazo de solicitude arranca o próximo venres 6 de setembro e prolongaranse ata o próximo 31 de outubro.
 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que neste 2024 impulsará o financiamento de accións formativas a demanda do tecido produtivo galego e dirixidas a persoas traballadoras ocupadas. Cun orzamento de 4 millóns de euros, trátase da primeira vez que se pon en marcha esta iniciativa, a través da cal a Xunta avanza no seu compromiso firme coas microformacións como unha ferramenta estratéxica clave para atender as necesidades das empresas, incrementar as oportunidades das persoas traballadoras, ofrecer solucións efectivas inmediatas para cubrir as vacantes laborais e facilitar as transicións profesionais nos sectores con maior impacto e futuro do mercado.

A convocatoria dálle un novo pulo á aposta polas experiencias curtas de aprendizaxe, xa que ademais de incentivar a obtención de certificados profesionais (grao C), contempla tamén de xeito decisivo as formacións de curta duración (grao B, certificados de competencia) e mesmo as microformacións (grao A, acreditacións parcial de competencia) co obxectivo de  garantir -sen rixidez e de xeito áxil e inmediato- a adquisición de novos coñecementos requiridos polas empresas galegas. Isto permitirá reforzar a capacitación dos seus traballadores fomentando o seu crecemento profesional e cubrir os perfís relacionados coas competencias e habilidades máis demandadas polo tecido empresarial.

A flexibilización da formación é un eixo estrutural do Goberno autonómico galego na súa política de emprego, aliñada co sistema de microcredenciais polo que avoga Europa, como un instrumento fundamental para fomentar máis e mellor emprego de calidade, así como para dar resposta a grandes retos como a adecuación da oferta e da demanda.

Así, grazas a esta convocatoria, unha empresa poderá solicitar, segundo as súas necesidades, unha formación ampla de grao C -de ata 1.000 horas- nun determinado ámbito, podendo fragmentar de xeito máis cirúrxico a súa demanda, optando só por un módulo de entre 200 e 300 horas (grao B) ou mesmo por un bloque concreto incluído nese mesmo módulo, en torno ás 30 ou 40 horas (grao A). Por exemplo, unha entidade do sector TIC poderá requirir para os seus traballadores -a través das entidades e centros de formación acreditados- unha formación específica sobre instalación e mantemento de sistemas domóticos (grao B) ou acotalo aínda máis a unha microacreditación centrada exclusivamente en conectividade dun proxecto destas características (grao A); ou unha compañía do sector naval, demandar un curso sobre documentación técnica para construción e reparación naval ou centrarse unicamente no módulo de deseño 2D e 3D.

Detalles da convocatoria

A convocatoria realízase en réxime de concorrencia non competitiva. Para poder beneficiarse da axuda, as entidades ou centros de formación acreditados deberán presentar, xunto coa solicitude, un compromiso previo de participación dun número de alumnos mínimo: 10 no caso de formacións presenciais e 15, en modalidade de teleformación. Deste xeito, búscase que a aprobación da contía estea determinada pola demanda efectiva das persoas alumnas participantes de xeito directo.

A contía da subvención por cada acción formativa calcularase en función do alumnado participante, das horas de formación, da especialidade formativa ou da modalidade de impartición, podendo outorgarse ás entidades anticipos do 60%. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o próximo 6 de setembro ata o 31 de outubro de 2024, sendo a data límite para o remate das accións formativas o 30 de novembro.

Impulso ao emprego de calidade

A Xunta está comprometida co mantemento dun mercado laboral dinámico e inclusivo, apostando polas microformacións e polas novas tecnoloxías -como a ferramenta de intelixencia artificial EMi coa que se está a modernizar o Servizo Público de Emprego- para cubrir as vacantes do mercado e casar de xeito máis efectivo oferta e demanda. 

Neste contexto, destacan outras iniciativas como o Bono Talento Empresa, dotado con 2 millóns de euros. Con esta medida fináncianse formacións non regradas de curta duración, axustadas ás necesidades particulares de cada empresa e tendo moi en conta a esixencia da recualificación profesional constante das persoas traballadoras en activo. As solicitudes poden presentarse ata o vindeiro 16 de setembro.

Ademais, a Administración autonómica ten asinados convenios cos principais clústeres galegos e entidades representativas de doce sectores estratéxicos para continuar a impulsar unha formación flexible e axustada á demanda do tecido produtivo, adaptándoa ás transformacións de cada un deles. O obxectivo é promover unha oferta que dea resposta ás necesidades de competencias nun mercado laboral en continuo cambio.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240830/AnuncioG0767-090824-0001_gl.html