A Xunta lanza unha nova convocatoria con 39 M€ para que os concellos desenvolvan obradoiros duais para persoas desempregadas no período 2023-2024

A Xunta lanza unha nova convocatoria con 39 M€ para que os concellos desenvolvan obradoiros duais para persoas desempregadas no período 2023-2024

  • Prevese a celebración de máis de 70 accións para unhas 1.400 persoas, entre as que se priorizará a colectivos con dificultades no acceso ao traballo como mulleres, retornados, vítimas da violencia de xénero ou parados de longa duración.
  • Na oferta de accións darase prioridade ás propostas municipais que avoguen pola posta en valor das rutas do Camiño de Santiago, Aldeas Modelo e zonas Reserva da Biosfera así como as propostas TIC ou relacionadas coa economía dixital.
  • A Administración autonómica destinará máis dun millón de euros para incentivar as contratacións unha vez rematado o período formativo.
 

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria de obradoiros duais de emprego para o período 2023-2024 que contará cun orzamento de 38,9 millóns de euros. A través de máis de 70 accións promovidas polos concellos, o Goberno galego pretende mellorar a formación laboral e as posibilidades de inserción dunhas 1.400 persoas desempregadas.

Os obradoiros duais poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades ou entidades públicas dependentes, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal. Ofrecen ao alumnado 12 meses de formación cun contrato de traballo e a posibilidade dunha inserción posterior nas empresas da contorna na que se celebran.

Estas accións contribúen ademais a desenvolver actuacións de mellora das dotacións de uso público nos municipios e a reforzar a colaboración da Xunta de Galicia cos concellos.

As alumnas e alumnos participantes nos obradoiros, poden obter un certificado de profesionalidade ao rematar a experiencia. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa en ocupacións do ámbito das materias impartidas en Galicia por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta de Galicia. O orzamento destinado polo Goberno autonómico este ano a estes incentivos elévase ata os 1,2 millóns de euros.

A Administración autonómica prioriza como participantes nestas accións ás persoas con especiais dificultades para entrar no mercado laboral como emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Tamén teñen preferencia as candidatas que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, as que teñan prevista a realización de obradoiros no seu itinerario personalizado de inserción laboral.

Na nova programación, a convocatoria porá o foco no eido forestal, na posta en valor das rutas do Camiño de Santiago; Aldeas Modelo ou Reservas da Biosfera. Tamén obterán máis valoración as propostas de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías e a economía dixital así como as que ofrezan unha maior potencialidade de emprego futuro.

As entidades locais interesadas contan de prazo ata o 5 de xuño para cursaren as súas solicitudes, tal e como consta no DOG de hoxe. As accións, pola súa banda, terán como data de inicio prevista o 1 de xullo de 2023.