A Xunta pon de relevo a aposta das novas xeracións da artesanía galega pola adaptación ás novas tendencias para abrir novos nichos de mercado
A Xunta pon de relevo a aposta das novas xeracións da artesanía galega pola adaptación ás novas tendencias para abrir novos nichos de mercado
José González puxo o obradoiro situado na Ribeira Sacra como exemplo de innovación e de remuda xeracional no marco deste sector tan importante para a nosa terra, ao ter avogado o fillo do matrimonio fundador por un novo concepto empresarial.
Así, destacou que o que hai case medio século se creou como taller de decoración de porcelana hoxe sexa un obradoiro de cerámica que aglutina o proceso completo de elaboración das pezas, combinando a tradición cun deseño actual e moderno.
O titular de Emprego aproveitou para facer alusión ao programa pioneiro da Xunta Aprender da tradición. Oficios e técnicas, que xusto dá inicio hoxe ao primeiro de seis novos cursos para seguir apostando por novas caras á fronte da nosa artesanía.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe no concello ourensán de Nogueira de Ramuín as instalacións de Barreiros Artesanía, un obradoiro que -segundo dixo- non só destaca por ser un dos máis de 800 rexistrados en Artesanía de Galicia, senón tamén por ser un perfecto exemplo de innovación e de remuda xeracional no marco deste sector tan importante para a nosa terra.
En compañía tamén do alcalde de Nogueira de Ramuín, Julio Temes, o conselleiro puxo en valor o novo concepto empresarial promovido por Miguel Ángel Monzoncillo -fillo do matrimonio fundador- que permitiu que case medio século despois da súa creación o que naceu como taller de decoración de porcelana sexa hoxe un obradoiro de cerámica con pezas recoñecidas por combinar os valores tradicionais cun estilo actual e moderno.
Así, salientou, apóstase por un produto 100% galego desde a Ribeira Sacra, abordando desde o deseño á elaboración da porcelana e incorporando as novas tecnoloxías para erixirse como un dos obradoiros mellor equipados, sen deixar de lado as raíces, a idiosincrasia do rural e a aposta pola sustentabilidade.
Remuda xeracional
O titular de Emprego referiuse á estratexia integral para a promoción da artesanía coa que a Xunta avoga pola innovación e pola adaptación a novas tendencias, con ferramentas como o programa pioneiro -único en España- para garantir a remuda xeracional Aprender da tradición. Oficios e técnicas. González sinalou que xusto dá inicio hoxe o primeiro de seis novos cursos para seguir apostando por novas caras á fronte da nosa artesanía. En concreto trátase dun de sombreirería, mentres mañá arrancan dous -en quendas diferentes- sobre xastrería. No que queda de mes e en novembro tamén haberá formacións sobre olería de Buño, ourivería e forxa.
Tras o impulso desta iniciativa en novembro de 2023, o conselleiro resaltou que máis dun cento de persoas levan participado nas distintas accións de formación continua organizadas para conservar e renovar técnicas e oficios tradicionais. Todo para captar novos talentos que aseguren o futuro da artesanía galega, conseguindo -de feito- máis dunha incorporación ao mercado laboral.
Tamén destacou o programa pioneiro Novos presentes e futuros, que vén de consolidar o seu atractivo a nivel internacional xa confirmado na primeira edición de 2023 pola súa aposta a prol da innovación no sector artesanal galego tomando como base os oficios tradicionais, os recursos locais, os novos materiais e a contorna rural. En concreto, con participantes de Galicia, Asturias, Cantabria, Madrid, Portugal, Reino Unido, Holanda e Costa de Marfil que debateron, intercambiaron experiencias ou experimentaron nunhas xornadas e nun obradoiro celebrados en Chantada o pasado mes de setembro.
Proba da relevancia deste sector que cómpre manter, engadiu José González, é tamén que os artesáns e artesás son uns dos principais consultados no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que está a elaborar a Xunta, coa idea de telo listo no primeiro trimestre do ano que vén.