A Xunta pon de relevo o proceso de modernización do Servizo Público de Emprego a través das novas tecnoloxías e do reforzo do persoal das 54 oficinas

A Xunta pon de relevo o proceso de modernización do Servizo Público de Emprego a través das novas tecnoloxías e do reforzo do persoal das 54 oficinas

  • José González destaca que se destinará 1 M€ a accións como a aplicación móbil da ferramenta EMi que permitirá facer autoperfilados a colectivos como a mocidade, xunto con outras funcións técnicas e organizativas para incidir na eficacia do Servizo.
  • Entre elas, novos caixeiros que se irán instalando nas oficinas para a renovación das demandas de emprego, petición de cita previa ou outras xestións.
  • Tamén resalta outras medidas pioneiras como o reforzo do programa de seguimento intensivo da demanda de emprego co acordo de actividade, para afinar os procesos de selección e favorecer a empregabilidade da cidadanía.
  • Así mesmo, o conselleiro pon en valor a aposta polas microformacións e microcredenciais atendendo ás necesidades do tecido produtivo e en liña coas políticas polas que avoga Europa.

O conselleiro de Emprego,Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe en Santiago no Congreso anual do persoal de dirección das 54 oficinas de emprego de Galicia, unhas oficinas -dixo- que se están consolidando como referentes de innovación e modernización, coa ferramenta EMi de intelixencia artificial á cabeza de España e Europa en beneficio tanto das persoas que demandan activamente emprego como das empresas que precisan talento.

Co afán de converter o Servizo Público de Emprego de Galicia no gran nodo de empregabilidade da nosa Comunidade, o conselleiro puxo en valor o amplo programa da cita de hoxe, facendo balance do feito este ano e tocando aspectos primordiais como a orientación laboral, a cualificación profesional ou as microformacións e microcredenciais. Tamén mostrando incorporacións como os novos caixeiros que se irán instalando nas oficinas -entre outras funcionalidades técnicas- para a renovación das demandas de emprego, petición de cita previa ou outras xestións, co obxectivo de axilizar trámites e incrementar a eficacia do Servizo. Unhas melloras que van en paralelo —sinalou— ao continuo reforzo do persoal de orientación e prospección laboral e aos 1,6 millóns de euros que se destinarán en 2025 a obras nas oficinas de emprego. 

O conselleiro apelou á necesaria cobertura de vacantes, favorecendo a competitividade e a xeración de emprego de calidade a través de ferramentas como EMi, aplicación recoñecida nos Premios aos mellores casos do Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público da Comisión Europea. Felicitando ao persoal das oficinas de emprego polo seu papel nesta distinción, lembrou que con EMi se realizará o perfilado competencial de máis de 70.000 persoas nun ano, co obxectivo de cubrir de forma máis eficaz a demanda de man de obra e atender as persoas que están buscando activamente traballo ou que busquen mellorar o que xa teñen.  

Con 1 millón de euros de orzamento, o ano que vén desenvolverase EMi con novas accións como unha aplicación móbil que permitirá á cidadanía realizar autoperfilados para beneficiarse das recomendacións na busca de emprego baseadas en datos do mercado laboral. Unha aplicación que porá o foco especialmente en colectivos como a xente nova.

Programa de seguimento intensivo da demanda de emprego

O conselleiro aludiu tamén ao reforzo do programa de seguimento intensivo da demanda de emprego para garantir que nas listas figuren exclusivamente as persoas que queren traballar. Un programa que leva atendido preto de 50.000 persoas desde o verán de 2023 e que incorporará de xeito pioneiro un acordo de actividade explícito —recollido pola normativa estatal— para inscribirse ou permanecer como demandante de emprego, con ou sen dereito á prestación. Isto posibilitará —dixo— mellorar a eficiencia dos procesos de selección e favorecer a empregabilidade, tamén a través dun novo mecanismo de antigüidade que primará os que asinen e cumpran este compromiso explícito.

Nesa liña, búscase —segundo González— impulsar un uso óptimo e axeitado dos recursos, avanzando tamén na flexibilización da formación e na reciclaxe profesional para a retención de talento e facilitar a entrada no mercado de colectivos infrarrepresentados. Mencionou nese senso a aposta pola formación á carta das empresas, polas microformacións e microcredenciais para potenciar as oportunidades laborais de persoas que xa están traballando (en colaboración cos clústeres ou empresas) ou das persoas desempregadas que queren facelo.

Así, concluíu o representante autonómico, desde a Xunta respóndese como recomenda Bruxelas con medidas pioneiras para favorecer a empregabilidade tanto por conta propia como allea, atendendo tanto á forza de traballo interna como externa, neste caso, priorizando o retorno á terra.