A Xunta pon en valor a aplicación socioeconómica do coñecemento xurdido na universidade na entrega de premios do Programa Icarus 2023 da USC

A Xunta pon en valor a aplicación socioeconómica do coñecemento xurdido na universidade na entrega de premios do Programa Icarus 2023 da USC

  • A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou esta mañá no acto que se celebrou en Compostela.

  • Aproveitou para destacar os apoios do Goberno galego ao emprendemento, a través de distintas convocatorias de achegas -algunhas aínda abertas deica o 29 de setembro- e da Rede de polos, que ten oito centros activos na actualidade.

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou esta mañá no acto entrega de premios do Programa Icarus 2023 da Universidade de Santiago de Compostela (USC), orientado a impulsar a aplicación social e económica do coñecemento xurdido nos campus de Santiago e Lugo. Alí aproveitou para destacar as oportunidades de desenvolvemento que ofrecen as conclusións extraídas dos traballos universitarios, así como os apoios da Xunta ao emprendemento, a través de distintas convocatorias de achegas -algunhas aínda abertas- e da Rede de polos.

 

Así, a directora xeral puxo de relevo as axudas directas por valor de 30 millóns de euros que aínda se poden solicitar ata o 29 de setembro. En concreto, as destinadas a impulsar o inicio de actividade por conta propia (12 millóns), a consolidar e mellorar a competitividade de negocios que leven polo menos 42 meses de actividade empresarial (8 millóns), a contratar ata o terceiro traballador (1,3 millóns), a favorecer a conciliación (1 millón) e a impulsar empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica -IEBT- (500.000 euros). Tamén se poden solicitar aínda as axudas por 7 millóns de euros dirixidas a pemes, persoas traballadoras autónomas e entidades da economía social para cubrir investimentos en equipamento informático, eficiencia enerxética, reformas de locais ou de mobiliario.  

 

Na súa intervención, Margarita Ardao tamén fixo referencia ao programa Emega de fomento do emprendemento e emprego feminino, que este ano conta cun orzamento de máis de 4,8 millóns de euros. Tamén á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, coa que se busca asesorar na creación de negocios para dinamizar o territorio xerando riqueza e fixando poboación, que ten actualmente oito polos en marcha nas catro provincias e que se continuará expandindo ata cubrir o 100% do territorio da nosa Comunidade.

O programa Icarus

O Programa Icarus é unha iniciativa da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, co obxectivo de estimular nos estudantes da Universidade unha reflexión sobre a aplicación do coñecemento contido nos seus traballos de fin de grao e mestrado e nas teses de doutoramento.

 

Icarus está dirixido a toda a comunidade universitaria e inclúe todas as áreas de coñecemento que se imparten na Universidade de Santiago de Compostela, con premios no eido das Artes, Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas; das Ciencias, Enxeñería e Arquitectura e das Ciencias da Saúde.