A Xunta pon en valor a Rede de polos de emprendemento a prol da vertebración do territorio e da xeración de oportunidades no rural

A Xunta pon en valor a Rede de polos de emprendemento a prol da vertebración do territorio e da xeración de oportunidades no rural

  • O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na apertura do encontro Impulsando o emprego no territorio, que clausurará o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

     
  • O obxectivo desta xornada impulsada pola Xunta é explorar liñas de traballo para dinamizar os territorios, especialmente nas contornas non urbanas, xerando sinerxías entre os axentes implicados e facendo prosperar o tecido empresarial e comercial.

  • Pablo Fernández sinalou os excelentes resultados da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que nos seus 14 centros activos xa asesorou 2.600 proxectos e realizou 7.000 titorías.

  • Tamén resaltou que a Xunta avanza na súa aposta pola creación de comunidades rurais de emprendemento e a atracción de nómades dixitais a través dun proxecto piloto en colaboración coa Asociación Cultural Sende.

     

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na apertura do encontro Impulsando o emprego no territorio, promovido pola Xunta no marco da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

O obxectivo desta xornada é explorar novas liñas de traballo para dinamizar os territorios desde o esforzo conxunto de empresas, persoas emprendedoras, institucións, economía social, terceiro sector e sociedade xeral para seguir xerando riqueza, especialmente nas contornas non urbanas, e facendo prosperar o tecido empresarial e comercial.

Durante a súa intervención, Pablo Fernández sinalou os excelentes resultados da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa autonómica posta en marcha en 2022 que presta apoio e asesoramento gratuíto a calquera persoa que queira poñer en marcha un proxecto en Galicia. Neste senso, incidiu en que xa conta con 14 centros activos por toda a xeografía galega -coa previsión de chegar a 15 proximamente- e que a día de hoxe atendeu máis de 2.600 proxectos e realizou 7.000 titorías, reforzando así o seu importante rol como dinamizador e vertebrador do territorio.

O secretario xeral tamén resaltou que a Xunta avanza na súa aposta pola creación de comunidades rurais de emprendemento e a atracción de nómades dixitais a través dun proxecto piloto en colaboración coa Asociación Cultural Sende. A iniciativa desenvólvese en tres centros -Sende, situado no concello ourensán de Lobeira, Anceu, en Ponte Caldelas (Pontevedra) e iSlow, en Laxe (A Coruña)- -e nel participan actualmente 60 persoas de áreas multidisciplinares.

Así mesmo, referiuse á Rede Eusumo, unha iniciativa de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social, con accións formativas ou de asesoramento, ou a recente apertura na Coruña do novo Centro de Orientación ao Emprendemento, cuxo obxectivo é coordinar todas as actividades relacionadas coa orientación laboral, o emprendemento e a innovación para o emprego na Comunidade, dando así un novo paso na consolidación de Galicia como unha terra de oportunidades, que xa lle levou a recibir o galardón a Rexión Emprendedora Europea 2025.

A xornada de hoxe, que será clausurada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, inclúe diferentes obradorios e a presentación O reimpulso das economías locais en Europa, a cargo de Rafael Cobo, de Impact Hub.

Manuel Pardo salientará a aposta da Xunta por avaliar o ecosistema de entidades que asesoran o emprendemento apostando pola coordinación pola vía da especialización, que converxerá na futura Estratexia galega de emprendemento que se baseará nun estudo previo de mercado e coa que se pretende dar un impulso coordinado a este eido coa implicación de todos os axentes do ecosistema de emprendemento de Galicia.

Ademais, o delegado territorial incidirá na aposta do Goberno galego polo diálogo e pola colaboración público-privada para seguir a facer de Galicia unha terra de oportunidades.