A Xunta pon en valor o compromiso social, ambiental e pola igualdade laboral das empresas ourensás que participan no programa autonómico
A Xunta pon en valor o compromiso social, ambiental e pola igualdade laboral das empresas ourensás que participan no programa autonómico
Once firmas da provincia participan neste programa que promove modelos éticos e responsables que melloren a competitividade do tecido produtivo
A directora xeral pon en valor a Autos González, empresa especializada no transporte de viaxeiros, como modelo de aposta da calidade no emprego e a igualdade laboral
O Goberno galego axuda a que outras once empresas ourensás acadasen normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) desde 2018
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, visitou hoxe á empresa de transporte de viaxeiros Autos González, que participa no programa autonómico Responsabilízate 2022-2024 que busca promover modelos de negocio baseados na responsabilidade ambiental, social e de bo goberno.
Tal e como recoñeceu Mancha, Autos González, representa a mensaxe de compromiso que a Xunta quere facer calar entre o seu tecido produtivo a favor da calidade no emprego e da aposta polo medio ambiente e a igualdade laboral. “Con Responsabilízate a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade continúa a promover a responsabilidade social empresarial (RSE), para axudar a unhas 180 pemes galegas a ser máis sostibles e impulsar a súa competitividade”, manifestou Elena Mancha.
Autos González é unha das once empresas ourensás beneficiarias actualmente do programa Responsabilízate, a través do que se promove asesoramento gratuíto dirixido a pemes galegas. “Fáiselles un diagnóstico inicial para ver os seus puntos fortes e onde dirixir a súa estratexia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE), con formación e un plan de acción, e acompáñaselles na implantación de medidas nunha primeira fase”, especificou a directora xeral, quen recalcou que moitas das firmas participantes acadan certificacións internacionais de RSE con posterioridade.
Responsabilízate diríxese ás pequenas e medianas empresas que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual co obxectivo de impulsar a súa competitividade nun contexto de transformación no que as prácticas como a xestión responsable das persoas, a adaptación a unha economía baixa en carbono, ou o desenvolvemento de condutas éticas na cadea de subministración, son claves para o posicionamento das empresas.
Financiación para certificacións
Desde o ano 2018, por outra banda, outras once empresas ourensás recibiron apoios para a obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) -con financiación do 80% dos custes do proceso de certificación e/ou verificación ata un máximo de 2.000 euros por empresa- no marco das axudas destinadas a pemes e persoas traballadoras autónomas que teñan persoal contratado para promover a igualdade laboral, favorecer a conciliación e promover a RSE á que a Xunta destinou este ano 1,4M€.
A directora xeral anunciou que a finais deste mes a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebrarán unha xornada na que empresas tractoras e pemes que están iniciado os seus traballos no eido da RSE poidan contar a súa experiencia. Ourense estará representada no acto pola firma de moda Roberto Verino. Na segunda quincena de novembro, por outra banda, Ourense acollerá unha xornada orientada a promover estes valores entre as empresas da provincia.