A Xunta pon en valor o traballo das empresas galegas en favor da Responsabilidade Social Empresarial como camiño para mellorar a súa competitividade
A Xunta pon en valor o traballo das empresas galegas en favor da Responsabilidade Social Empresarial como camiño para mellorar a súa competitividade
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou, nunha xornada da Confederación Empresarial de Pontevedra, o traballo das 139 firmas que toman parte no programa autonómico Responsabilízate
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) en Vigo no encontro Responsabilízate Pontevedra, estamos preparados para o novo escenario? onde subliñou o valor engadido que aplicar a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) nas compañías e implementar medidas conciliación. O programa Responsabilízate da Xunta de Galicia, remarcou, incide na creación dunha comunidade de empresas que promoven modelos sustentables que poñen no centro ás persoas para avanzar na súa competitividade. Máis de 100 empresas participan na actualidade nesta iniciativa.
O programa Responsabilízate ten por obxectivo asesorar ás pequenas e medianas empresas galegas en materia de Responsabilidade Social Empresarial, incluíndo tamén ferramentas para sacar partido ao seu traballo en favor da sustentabilidade. Entre estes recursos, subliñou Elena Mancha, atópanse unha web específica, a celebración de xornadas como a de Vigo -onde as empresas comparten as súas boas prácticas- ou a creación dunha comunidade en liña coa finalidade de reforzar as alianzas entre os participantes e estender os efectos do programa máis aló do período de execución.
Mancha promoveu no encontro a ferramenta Xunta ProRSE, ao dispor das persoas interesadas a través dunha plataforma na nube, de acceso universal e completamente gratuíta. A través da mesma, lembrou, “pódese avaliar o estado da empresa en materia de RSE e reportar iniciativas e indicadores das actuacións en materia de sustentabilidade”.
Entre outras funcionalidades, a ferramenta permite a preparación guiada de informes de estado de información non financeira ou da súa contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), entre outros.
En Responsabilízate toman parte na actualidade un total de 139 firmas. “Atopámonos nun momento clave na transformación cara a modelos económicos sustentables no que cobra especial relevancia tanto a implementación de plans de acción como a comunicación dos obxectivos e compromisos asumidos para situarse nun mercado cada vez máis demandante e competitivo”, dixo a directora xeral. Trátase dunha iniciativa coa que se ofrece asesoramento gratuíto ás pemes, facéndolles unha diagnose inicial para ver os puntos fortes da empresa e onde dirixir a súa estratexia RSE con formación e un plan de acción. As firmas que completen todo o programa recibirán o Selo de Empresa Responsabilízate, un recoñecemento autonómico pola seu bo labor.