A Xunta pon en valor os apoios ao traballo autónomo, á economía social e á xeración de emprego nunha xornada informativa aberta a Pemes e profesionais

A Xunta pon en valor os apoios ao traballo autónomo, á economía social e á xeración de emprego nunha xornada informativa aberta a Pemes e profesionais

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, e o director do Igape, Fernando Guldrís, informaron dos apoios autonómicos á actividade empresarial e para a creación de máis emprego e de calidade

Destacaron que no que vai de ano a Xunta xa convocou axudas por máis de 47M€ para impulsar o traballo por conta propia, a economía social e as contratacións


O Goberno autonómico está a avogar pola colaboración público-privada para dar cobertura ás vacantes que ofrece o tecido produtivo

Adirectora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, e o director do Igape, Fernando Guldrís, participaron  na Cidade da Cultura nunha xornada informativa organizada por AJE Galicia sobre as axudas autonómicas dirixidas a pemes e persoas traballadoras autónomas que porán o foco, este ano, no impulso do emprego por conta propia, na economía social e na xeración de postos de traballo que permitan dar cobertura ás vacantes que ofrece o tecido produtivo galego.  

Tal e como destacou Ardao, no que vai de 2023, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade xa ten mobilizados máis de 47M€ en axudas ao emprego, o que evidencia o compromiso que o Goberno galego asume co tecido produtivo en momentos en que o contexto económico esixe de respostas eficaces.

A Xunta ten activas tres convocatorias anuais de apoio ao traballo autónomo: Xempre Autónomo, Bono Autónomo, e, unha terceira, para a contratación de persoas traballadoras por parte destes profesionais, cun orzamento que supera os 20 millóns. A través das mesmas está a impulsar as novas altas, dar cobertura aos gastos que están a enfrontar e favorecer a creación de postos de traballo a través do colectivo.

A Administración autonómica estreou ademais este ano un programa de cooperación con organismos intermedios. Dotado con máis de 4,2 millóns de euros persegue a contratación de persoas sen emprego de entre 18 e 29 anos en asociacións empresariais sectoriais ou multisectoriais (clústeres, consellos reguladores, agrupacións industriais ou asociacións de persoas traballadoras autónomas, entre outras). 

A aposta pola economía social segue a ser esencial para o Goberno autonómico, con convocatorias ordinarias como Aprol Economía Social, que ofrece apoios directos ao emprego en cooperativas e sociedades laborais e que este ano dispón de 4,3 millóns de euros, un 13% máis que o ano anterior. Trátase de fomentar o emprendemento e o emprego na economía social, impulsar o autoemprego neste sector e fixar man de obra produtiva no territorio, indicou a directora xeral de Emprendemento.  

 

Unha das prioridades da Xunta de Galicia é conseguir a converxencia entre a oferta de man de obra e o que demandan as empresas. A través da estratexia Xempre Contigo, estase a traballar na colaboración público-privada, en coordinación con asociacións empresariais e sectoriais co fin de dar cobertura ás vacantes existentes e favorecer na comunidade máis emprego e de maior calidade.

 

Margarita Ardao puxo en valor o traballo que se está a facer na Administración autonómica e remarcou que “a Xunta está a realizar un esforzo sen precedentes para enfrontar recuperación económica co reforzo das áreas esenciais para preservar o emprego e seguir a medrar no actual contexto”.

Mellora da competitividade

Pola súa banda, o director do Igape, Fernando Guldrís, destacou que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación conta con diferentes programas que buscan reforzar a competitividade de pemes e autónomos, poñendo en valor a aposta pola transformación dixital, a investigación, a innovación e a procura de novos mercados como factores fundamentais na mellora competitiva das empresas.

Así, o director do Igape lembrou que están en marcha distintas liñas de actuación, entre as que destacou a recente activación do Plan de Misións Comerciais que, levado a cabo en colaboración coas Cámaras de Comercio, destina 2,3 millóns de euros a accións de internacionalización do tecido produtivo galego na procura de impulsar, durante este ano, preto de 100 misións en máis de 30 países.

 

Este programa, explicou Guldrís, ao igual que o resto de accións comprendidas na Estratexia de Internacionalización, contribuíron ao récord acadado polas vendas ao exterior da Comunidade, que  rozaron os 35.000 millóns de euros o pasado exercicio, marcando un novo teito histórico cun incremento de máis do 18% con respecto ao 2021.

 

O director do Igape afondou tamén noutras iniciativas como a liña de Economía Circular, que conta cun importe de 1,5 millóns para 2023, prevéndose que se poidan apoiar arredor de medio cento de proxectos, tanto individuais como colectivos. O obxectivo é promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.