A Xunta potencia a formación especializada para que profesionais que traballan en contacto coas vítimas de violencia de xénero brinden a mellor atención
A Xunta potencia a formación especializada para que profesionais que traballan en contacto coas vítimas de violencia de xénero brinden a mellor atención
O programa promove actividades formativas nas que se incidirá na prevención e se actualizarán os coñecementos en relación coa nova regulación de igualdade en tramitación parlamentaria.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), adscrita á Consellería de Facenda e Administración Pública, acordaron colaborar co obxectivo de formar aos profesionais que atenden ás vítimas de violencia de xénero nas necesidades específicas destas mulleres, implementar un programa especializado en prevención da violencia de xénero para persoal sanitario e educativo ou especializar en cuestións propias desta materia aos equipos psicosociais, de cara a mellorar a súa intervención.
Con este programa, a Xunta de Galicia sensibiliza e promove relacións igualitarias entre mulleres e homes a través de medidas de formación en materia de igualdade, prevención e loita contra a violencia machista, incluíndo melloras e ampliacións na oferta formativa e reforzando as horas e os módulos relativos a esta materia.
Esta iniciativa traballa en consonancia coa nova Lei de igualdade que a Xunta de Galicia está a tramitar no Parlamento de Galicia e que recoñecerá por primeira vez a discriminación múltiple e interseccional da muller, que corresponde aos supostos nos que varias causas dificultan aínda máis o desenvolvemento persoal e social das afectadas. Trátase de actualizar a formación na materia a través de traballos como o desenvolvido coa EGAP, que evidencian o compromiso da Xunta por avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia que afectan ás mulleres e que agora quedará referendado nun texto legal.
O acordo conta cunha achega de 35.000 euros dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.