Abre mañá o prazo das axudas Investigo para contratar menores de 30 anos en empresas que invisten en innovación, universidades e centros científicos

Abre mañá o prazo das axudas Investigo para contratar menores de 30 anos en empresas que invisten en innovación, universidades e centros científicos

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, visitou hoxe en Culleredo a compañía Citanias Obras y Servicios, beneficiaria dos apoios deste programa na súa primeira edición

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a segunda convocatoria desta iniciativa da Xunta dotada con 9,1 millóns en 2023

Os apoios van dirixidos a organismos de investigación e difusión de coñecementos, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos e entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro, así como empresas que estean a investir en investigación e innovación

A contía das axudas oscilarán entre os 22.405,92 e 33.108,84 euros por persoa, en función do grupo de cotización, financiándose os custos laborais e salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social

 

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 2023 da segunda edición do programa Investigo, co que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade busca a xeración de emprego xuvenil en Galicia no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Para iso, destinará 9,1 millóns de euros para conceder apoios dirixidos á contratación de persoas menores de 30 anos desempregadas en organismos de investigación e difusión de coñecementos, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos e entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro, así como en empresas que estean a investir en investigación e innovación.

Así o expuxo hoxe a secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, nunha visita que desenvolveu en Culleredo á empresa Citanias Obras y Servicios pertecente ao sector da construción que recibiu a través do seu departamento de I+D axudas da primeira edición do Investigo. En concreto, contrataron a quince mozas e mozos grazas a un apoio autonómico de preto de 415.000 euros.

As axudas da segunda edición da iniciativa, que poden solicitarse desde mañá, van destinadas a estes centros para a contratación por conta allea de mozas e mozos e oscilarán entre os 22.405,92 e 33.108,84 euros por persoa, financiándose, en concreto, os custos laborais e salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social. Os contratos, tal e como destacou Toca, terán que contar cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa para o desenvolvemento e execución de iniciativas de investigación e innovación. Priorizaranse as ocupacións referidas á economía circular e o emprego verde.

A previsión é que a través desta liña de axudas pódanse contratar a un mínimo de 277 mozas e mozos e un máximo de 409, en función dos módulos salariais a aplicar. Con esta medida, a Xunta segue a propiciar a inserción laboral das persoas mozas, mellorando a súa cualificación e outorgándolles a posibilidade de desenvolverse profesionalmente en ocupacións con alta demanda como o emprego verde e a economía circular.

Os programa Investigo forma parte dun plan máis amplo, o Emprega Xuventude, que a Xunta reeditará en 2023 con actuacións para o emprego dirixidas especificamente ás persoas máis novas e dotado con preto de 30 millóns de euros para beneficiar a uns 2.000 mozas e mozos.