Como elaborar un plan de acción para alcanzar as túas metas.
Compartir
Cantas veces escoitaches a necesidade de crear un plan de acción para poder alcanzar con certeza as túas metas? Eu infinitas, mais, na práctica, en máis ocasións das desexadas as nosas metas vense frustradas.
Para ser eficaz na creación dun plan de acción propóñoche que o entendas como un mapa detallado dos pasos para seguir. É máis, atrévete a velo como un GPS da túa ruta persoal ou profesional. Cando usamos o GPS, poñemos un punto de partida e chegada e queremos que nos devolva toda a información relevante como o camiño para seguir, o tempo necesario, os medios dispoñibles e que mesmo nos redirixa ou recalcule un novo camiño se nos perdemos. Pois ben, se utilizamos a fórmula do GPS, poderemos lograr que o noso plan de acción funcione de forma extraordinaria.
Comeza por detallar a túa meta ou ruta en pasos para seguir. Para logralo, divídea en obxectivos máis pequenos anexados a accións concretas que garantan a súa consecución.
A continuación, non esquezas marcar os tempos. Poñer datas límite, organizar a frecuencia necesaria e axendar estas accións ou pasos para desenvolver xerará unha estrutura no plan que garantirá o progreso na túa ruta.
Tras iso, o plan debe incluír os teus recursos dispoñibles. Convídote a que fagas unha reflexión sobre as túas fortalezas e as túas ferramentas o que te axudará a entender e visualizar os medios cos que contas para acadar os teus obxectivos e levar a cabo as accións deseñadas. Lembra que o coñecemento deses recursos te axudará a realizar un plan de acción equilibrado e alcanzable.
Outro aspecto que che permitirá potenciar o teu plan de acción é engadir aquelas persoas que poderían axudarte ou acompañarte neste bonito camiño. Pensa quen poden ser os teus aliados e fontes de apoio, e determina ante que accións ou situacións che resultará útil contar coa súa axuda.
Finalmente, todo plan debe contar cunha valoración recorrente da súa consecución ou grao de desviación. Se estableces medicións concretas serache máis fácil identificar cando debes, do mesmo xeito que co GPS, recalcular ruta. Se, ademais diso, dás un plus ao teu plan reflexionando sobre os logros acontecidos e as aprendizaxes adquiridas, daquela seguro que o teu plan non só funcionará, senón que, ademais, levará asociado un crecemento persoal.
En definitiva, o teu plan é o teu GPS
Cuns obxectivos e accións que se deben seguir, marcando os tempos, analizando os teus recursos e aliados, e cun seguimento que engada valor ao seu desenvolvemento estou segura de que acadarás a túa meta ou punto de chegada.
A que esperas para pórte en marcha? Goza da túa ruta!
Laura Vergara
Responsable Oficina de Desenvolvemento e Benestar de Castrosua