Falar do momento vital actual do tecido empresarial galego obriga a falar da existencia e irrupción da Intelixencia Artificial no mundo dos negocios e na nosa vida en xeral. Obviar a súa existencia sería unha pretensión pouco realista, así como unha negación da innovación que define a actualidade dos nosos tempos.
A Intelixencia Artificial é unha tecnoloxía que aínda nos resulta afastada e misteriosa, mais que desde hai uns anos está presente no noso día a día a todas horas. Representa a combinación de algoritmos desenvolvidos co propósito de crear máquinas que ofrezan as mesmas capacidades do ser humano.
O debate en canto a este tema está asegurado. A súa implicación no futuro laboral das persoas é unha preocupación que se está a estender nas rúas, como se dun virus se tratase.
Jordi Serrano ofreceranos unha visión global, desde un coñecemento experto, necesario para orientar a unha sociedade que convive, de seu, cunha incerteza laboral constante, que está a xerar enfermidade.
Socio fundador de FUTURE FOR WORK INSTITUTE, que actúa como observatorio independente, comunidade de aprendizaxe e «think tank» acerca das tendencias e a innovación en RH.
Anteriormente asesorou, como consultor, a distintas organizacións na aplicación das tendencias emerxentes no mundo dos recursos humanos e ocupou o cargo de director de RR. HH. en España da consultora multinacional Everis.
Adicionalmente, ocupou a Presidencia da Fundación Factor Humà, que agrupa relevantes empresas de Cataluña, coa misión de impulsar as boas prácticas en xestión de persoas nas organizacións.
Ademais participa asesorando varias start-ups e organizacións relacionadas coa innovación no mundo do traballo, así como do terceiro sector e do emprendemento social.
É co-autor de El ocaso del empleo. Cómo sobrevivir al futuro del trabajo» e escribe habitualmente no seu blog: El futuro del trabajo (blog.futurodeltrabajo.com).