Formación
19 | 09 | 2023 -
27 | 11 | 2023
60 horas
Online
O PRAZO DE INSCRICIÓN ABRIRASE O 18/08/2023 ÁS 09,00 HORAS E PECHARASE O 28/08/2023 ÁS 23,55 HORAS.
Este curso realizarase en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en virtude do convenio de colaboración entre ambas entidades, na modalidade de teleformación a través da aula virtual da EGAP.
A solicitude para os cursos básicos de prevención de riscos laborais en liña farase, unha vez que se publique no Diario Oficial de Galicia a correspondente convocatoria, a través da zona de matrícula da EGAP en lugar de cubrir o formulario nesta páxina web, motivo polo que o dito formulario agora non aparece dispoñible.
Para obter a acreditación correspondente será imprescindible a superación de todas as probas de avaliación, envío das actividades e do exercicio final.
Para solicitalos terá que ter unha conta na EGAP (pode creala en calquera momento) e matricularse no curso (no período de inscrición correspondente). De seguido se detallan as indicacións correspondentes:
CONTA NA EGAP (Pode crearse en calquera momento)
Se vostede xa ten unha conta creada na EGAP, terá que matricularse no curso no período de inscrición correspondente (Do 18/08/2023 ás 09,00 horas ata o 28/08/2023 ás 23,55 horas). Para elo, siga as instrucións que se indican no punto MATRÍCULA NO CURSO.
Se non ten conta na EGAP debe entrar na seguinte ligazón, cubrir os datos e premer en tramitar alta.
Unha vez cubertos os datos vostede xa estará rexistrado para poder acceder co seu usuario e contrasinal e facer a matrícula no curso no período de inscrición correspondente (Do 18/08/2023 ás 09,00 horas ata o 28/08/2023 ás 23,55 horas). Para elo, siga as instrucións que se indican no punto MATRÍCULA NO CURSO
MATRÍCULA NO CURSO (durante o período de inscrición)
Logo de acceder cos seus datos á zona de matrícula, que pode facer premendo na ligazón que figura ao final desta páxina, Acceso á zona de matrícula, ou ben copiando a seguinte ligazón e pegándoa na barra de navegación do seu ordenador: https://egap.xunta.gal/cas/login?service=https%3A%2F%2Fegap.xunta.gal%2Fmatricula%2F, ten que solicitar o curso seguindo as seguintes instrucións:
1. ÁREAS DE FORMACIÓN: Coñecementos transversais
2. NOME DO CURSO: Prevención de riscos laborais. Nivel básico. ISSGA
3. EDICIÓN: Seleccione a que prefira.
Se ten relación co posto, marque esta casiña.
IMPORTANTE. Pode matricularse en calquera das tres edicións (T01, T02 ou T03). Antes de escoller a edición que prefira, premendo en cada unha delas pode comprobar o número de persoas que a solicitaron. A selección do alumnado farase por orde de inscrición.
Prema SOLICITAR.
Para confirmar o envío da solicitude, esta deberá aparecer en solicitudes en prazo de matrícula.
Xa rematou o proceso de solicitude do curso; no prazo aproximado de quince días recibirá unha mensaxe comunicándolle se foi seleccionado para realizar este curso.
CONTIDO
Curso básico de prevención de riscos laborais de 60 horas, que corresponde ao contido mínimo do programa de formación para o desempeño das funcións de nivel básico, establecido no anexo IV-A) do Regulamento dos servizos de prevención, cun engadido sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero (10 horas).
Esta formación pode non ser validable aos efectos da formación mínima necesaria para o desempeño das funcións preventivas de nivel básico para os sectores nos que o respectivo convenio colectivo contemple outras especificacións
OBXECTIVOS
Proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención, establecida no artigo 35 do Regulamento dos servizos de prevención.
Proporcionar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo.
DESTINATARIOS
Traballadores en xeral, así como aqueles designados para realizar funcións preventivas de nivel básico na empresa.
Profesionais que necesiten no seu ámbito profesional posuír coñecementos en prevención de riscos.
Todas aquelas persoas con inquietudes no ámbito da seguridade e a prevención de riscos na empresa.
CRITERIO DE SELECCIÓN
Unha vez recibidas as solicitudes correctamente, asignaranse as prazas no curso solicitado por orde de inscrición ata esgotar o total de prazas, tendo prioridade aquelas persoas que posúan a condición de delegado/a de prevención, traballador/a designado/a e/ou empresario/a que asuma as funcións de prevención de riscos laborais na súa empresa sa (deberán achegar a documentación que o acredite issga.cursoprl@xunta.gal dentro do prazo de presentación de solicitudes).
REQUISITOS
Non se require titulación específica.
METODOLOXÍA
Solicitude por medios telemáticos.
Comunicación de admisión
Realización a través da plataforma de EGAP na que poderá acceder as todos os elementos do curso: descargas, consultas, titorías, bibliografía, probas de seguimento, foros, axenda, buzón persoal, etc.
Para obter a acreditación correspondente será imprescindible a superación de todas as probas de avaliación, envío das actividades e o exame final.
A proba final realizarase de xeito telemático a través da aula virtual.
O ISSGA configúrase como o órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais. É un organismo autónomo adscrito organicamente á consellería competente en materia de traballo, que ten personalidade xurídica propia, plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, e dispón de patrimonio e tesouraría propios.
Correspóndelle ao Instituto a xestión e a coordinación das políticas que nas materias de seguridade e saúde laboral establezan os poderes públicos de Galicia, para a mellora das condicións de traballo co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo.
O ISSGA estende a súa actuación a todas as empresas e á totalidade do persoal traballador respecto dos centros de traballo de Galicia, incluídas as administracións públicas e o persoal ao seu servizo. Na súa actuación inclúe especificamente as cooperativas de traballo asociado e as demais cooperativas en relación cos seus socios e socias de traballo.
Así mesmo, leva a cabo actividades de promoción da prevención de riscos laborais en relación coas traballadoras e os traballadores por conta propia e co conxunto da poboación, prestándolles especial atención ás actividades de prevención dirixidas ás pequenas e medianas empresas.