Fernández-Tapias inaugura no IES Audiovisual de Bouzas as xornadas ‘TED Fala’ para o emprendemento do alumnado
Fernández-Tapias inaugura no IES Audiovisual de Bouzas as xornadas ‘TED Fala’ para o emprendemento do alumnado
A delegada territorial da Xunta en Vigo destacou a importancia da formación e salientou a iniciativa do centro para organizar charlas motivacionais
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este mércores na inauguración das xornadas “TED Fala” organizadas polo IES Audiovisual de Bouzas dirixidas e especializadas para o emprendemento de novos proxectos do alumnado.
A representante autonómica felicitou aos responsables pola iniciativa e destacou a necesidade da formación especializada de cara ao mundo laboral. “É moi importante formarse, ter coñecementos, aptitudes, adquirir destrezas para o futuro, pero a día de hoxe todos necesitamos tamén coñecer de primeira man os retos aos que nos enfrontamos por boca das persoas que teñen experiencia”, sinalou.
Fernández-Tapias tamén apuntou a participación de persoas recoñecidas nos diferentes campos do audiovisual, desde a música e a radio ata o cine, como Carlos Tresandí, David Amor, Beatriz Gil, Cristina Maro ou Jorge Barbosa. O obxectivo da iniciativa do IES Audiovisual de Bouzas é motivar ao alumnado a través das experiencias, anécdotas, traballo e esforzo dos relatores para chegar a onde chegaron, e así loiten por facerse un oco neste ámbito e non se rindan á mínima unha vez finalizado o ciclo
A delegada territorial destacou o “gran valor” de inculcar entre as persoas mozas a cultura do emprendemento desde idades temperás e expuxo o traballo da incipiente rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que acompaña ás galegas e galegos durante todas as fases da posta en marcha dos seus proxectos empresariais.
Ademais, insistiu en que existe unha nova forma de emprender en Galicia que nace co propósito de por a dispor toda a axuda necesaria para sacar adiante negocios viables e de sacar o máximo partido ao talento dos máis novos.
“A Xunta de Galicia ten en marcha na actualidade 5 polos, un deles que dá cobertura ás Rías Baixas”. Estes puntos convértense, tal e como relatou, en “antenas dos territorios, recollendo retos e necesidades do ecosistema empresarial”. “Estamos a identificar e cubrir as necesidades formativas do tecido empresarial, creando redes con axentes vencellados co emprendemento”, aseverou.