Gabriel Alén sinala aos obradoiros duais de emprego como unha ferramenta para incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas

Gabriel Alén sinala aos obradoiros duais de emprego como unha ferramenta para incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas

O delegado territorial explicou que no obradoiro de emprego Ribeiro Emprende II a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste 509.987 euros na formación de 20 alumnos – traballadores; 10 no módulo de actividades auxiliares en conservación e mellora dos montes, e outros 10 no módulo de operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas

O obradoiro de emprego desenvolve actuacións nos concellos de Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro

Gabriel Alén lembrou que a Xunta de Galicia financia 30 obradoiros duais de emprego en 81 municipios da provincia de Ourense e que supón a contratación de 600 alumnos – traballadores, aos que destina 15,236.610 euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao núcleo de Paredes, concello de Leiro, para supervisar, acompañado do presidente da Mancomunidade de Concellos do Ribeiro, Francisco Fernández, as actuacións que os alumnos – traballadores do obradoiro de emprego Ribeiro Emprende II están a desenvolver no centro social, e no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste 509.987 €.

O delegado territorial explicou que participan 20 alumnos – traballadores; 10 no módulo de actividades auxiliares en conservación e mellora dos montes, e outros 10 no módulo de operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, que acceden ao longo de 12 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo. Ademais, unha vez remate o obradoiro, os alumnos e alumnas teñen a opción de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación.

Gabriel Alén sinalou que é meta dos obradoiros duais de emprego o incremento das oportunidades laborais dos galegos e galegas. Teñen unha tripla dimensión: mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolver actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; ademais de colaborar coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.

Traballos que desenvolven

Están a desenvolver traballos de acondicionamento de beirarrúas, acondicionamento de sendeiros nas masas consolidadas de frondosas autóctonas no monte de UP e de silvicultura no concello de Arnoia. No concello de Beade está acondicionar un local municipal e levan a cabo traballos de mellora de sendeiros e espazos públicos. En Cenlle, acometen o arranxo das fontes de Lagarellos e a de Cuñas e o seus entornos. En Cortegada, están a acondicionar a zona exterior do centro social, e desenvolven traballos de limpeza nos predios dos depósitos de auga do Pazo, A Tapada, Carballal, Cortellas e Ollo de Boi. Así mesmo, executan a limpeza dos predios das depuradoras do Balneario e a Ponte, e das fosas sépticas de San Bieito, Meréns, O Pazo, Piñon-Zaparín, Pontetrado e Vilanova da Barca. No concello de Leiro, traballan no acomodo da planta baixa do centro social en Paredes e no mantemento dos camiños de Lamas: o de Fondego, en Balboa, o de Pereira, en Balboa, o da Costa, no lugar de Nogueira e o Camiño do Pradiño, en Corneira.

Os obradoiros duais de emprego

O delegado territorial lembrou que a Xunta de Galicia financia 30 obradoiros duais de emprego, un 7,14% máis que a convocatoria anterior (28), que se desenvolven en 81 municipios da provincia de Ourense, un 88% do total de concellos da provincia e supón a contratación de 600 alumnos – traballadores, un 8,69% máis, ca edición 21/22 (552), aos que destina 15,236.610 euros; case un 57% de incremento (9,6M de euros).

Gabriel Alén subliñou que isto débese ao esforzo da Xunta na ampliación do orzamento dedicado á convocatoria de axudas dos obradoiros duais emprego para 2022-2023 que se incrementou nun 16,2%, o que son máis de 7 millóns de euros para poder resolver o 100% das solicitudes presentadas e que cumpriron cos requisitos. Así, o programa contou ao final con 52,6 millóns de euros coa previsión de poder ofrecer formación e un contrato de traballo a máis de 2.000 persoas sen emprego e poder implementar 101 obradoiros en toda Galicia.

Por outra banda, o delegado territorial lembrou as axudas concedidas para cursos AFDs (Programa de Accións  Formativas dirixidas a Desempregados/as) á Mancomunidade do Ribeiro nas dúas últimas convocatorias (19/20 e 21/22 así como os concedidos na convocatoria actual (22/23). Un total de 16 cursos que totalizaron unha achega de preto de 602.000 euros por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.