Galicia rexistra a cifra de paro máis baixa nun mes de setembro en toda a serie histórica, sendo a 3ª CCAA con mellores datos na comparativa interanual

Galicia rexistra a cifra de paro máis baixa nun mes de setembro en toda a serie histórica, sendo a 3ª CCAA con mellores datos na comparativa interanual

  • Con 1.085.846 persoas afiliadas a comunidade galega rexistra o valor máis alto dun mes de setembro desde o ano 2008.

     
  • A cifra de persoas desempregadas é de 120.992 e en termos anuais baixa nun 7,39% e supera en 1,98 puntos a baixa do paro do Estado sendo a terceira comunidade na que máis se reduce.

  • O paro diminuíu na evolución anual nas catro provincias e sete grandes cidades galegas, en todos os sectores de actividade e entre as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración.

  • José González puxo en valor as medidas impulsadas pola Xunta para seguir avanzando no emprego de calidade, como a aposta pola flexibilización da formación, o impulso das microformacións ou a modernización do Servizo Público de Emprego.

O mercado laboral de Galicia continúa na súa senda de crecemento e acada, con 120.992 persoas, a cifra de paro máis baixa nun mes de setembro de toda a serie histórica (desde 1996). Ademais, a comunidade galega rexistra 1.085.846 persoas afiliadas, a cifra máis alta nun mes de setembro desde o ano 2008 e que aumenta en 14734 persoas en relación co mesmo mes do ano pasado. 

Así o indicou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, na valoración realizada en relación cos datos de paro rexistrado e de afiliacións, na que subliñou que setembro é un mes no que adoita subir o paro debido á finalización de moitos contratos temporais, como acontece tamén ese ano na evolución mensual, cunha lixeira suba do 1,95%. 

O titular de Emprego insistiu en valorar as cifras desde o punto de vista da súa evolución. En termos anuais, o desemprego en Galicia baixa nun 7,39%, e, segundo sinalou, en relación co conxunto de España e con setembro de 2023, diminúe a un ritmo maior, superando a baixada do Estado en 1,98 puntos. A isto engadiu que Galicia é a terceira comunidade que acada unha maior redución de paro rexistrado no último ano en termos relativos. 

Nesta evolución anual, tamén cae o paro nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade e tamén en colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta como as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración. 

Tamén na comparativa anual, por sectores, liderou a baixada o primario (-12,63%) seguido da construción (-11,85%). En canto aos colectivos prioritarios, diminuíu o paro nas mulleres (-7,45%), entre os menores de 30 anos (-7,12%) e nos parados de longa duración (-7%). Ademais, as cifras de mulleres desempregadas, con 71.538,  e de desempregados xuvenís, con 13.792, son as máis baixas nun mes de setembro desde que hai rexistros (2005).  A de parados de longa duración, de 61.647, é a cifra máis baixa dun mes de setembro dos últimos 16 anos. 

José González tamén salientou a subida no número de contratacións respecto do mes pasado, cun incremento de máis do 14%. Neste senso, puxo en valor o aumento dos contratos indefinidos en máis dun 40%.

Máis e mellor emprego de calidade

O conselleiro subliñou que a Xunta de Galicia, da man do tecido produtivo, continúa a impulsar medidas estratéxicas que seguir xerando máis e mellor emprego de calidade, á vez que se da resposta a grandes retos do mercado laboral, como o da cobertura das vacantes existentes. 

Neste senso, aludiu á ferramenta de intelixencia artificial EMi, implantada nas 54 oficinas de emprego de Galicia co obxectivo de casar de xeito máis efectivo a oferta e a demanda laboral. E lembrou que están abertas ata o 24 de outubro dúas ordes de axudas para que os concellos e as entidades sen ánimo de lucro contraten axentes de emprego. O orzamento total destinado a ambas é de 3,4 millóns de euros para apoiar a contratación ou prórroga da contratación da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia.

Tamén fixo fincapé na aposta pola flexibilización da formación para o emprego e o impulso das microformacións como unha ferramenta clave para gañar axilidade e inmediatez na capacitación das persoas desempregadas e na reciclaxe das ocupadas co fin de que encaixen nos perfís que requiren as empresas.

No ámbito do emprendemento, o Goberno galego segue despregando a Rede de polos que conta con 14 oficinas, coa previsión de ampliarse ata 15 proximamente. As medidas que desenvolve a Xunta neste ámbito levaron a que Europa recoñecese a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025.