Lorenzana conmemora o 10º aniversario da rede Eusumo co anuncio de que a II Estratexia Galega da Economía Social favorecerá as transicións verde e dixital
Lorenzana conmemora o 10º aniversario da rede Eusumo co anuncio de que a II Estratexia Galega da Economía Social favorecerá as transicións verde e dixital
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, xunto cunha representación das entidades da Economía Social en Galicia, puxeron en valor este modelo como motor de creación de emprego e polo seu potencial innovador
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe, xunto cunha representación das principais entidades da Economía Social en Galicia, no acto conmemorativo do 10º aniversario da Rede Eusumo, no que agradeceu a traxectoria desta rede promovida pola Xunta de Galicia “forxando unha historia de valores” e de apoio “ás empresas con alma” que, como indicou, contribúen a mellorar a contorna e xerar máis e mellores oportunidades para Galicia. A II Estratexia galega da Economía Social 2023-2026 que promove a Administración autonómica, avogará, tal e como anunciou, polos sectores emerxentes e favorecerá a transición dixital, verde e cohesionada.
Lorenzana destacou o carácter pioneiro da Rede Eusumo nacida en 2012 co dobre obxectivo de apoiar a posta en marcha de novos proxectos cooperativos como motores da creación de emprego e para axudar a consolidar as empresas da Economía Social xa existentes mediante a mellora da súa competitividade.
“É posible outra forma de enfocar e xestionar a economía para que sexa un medio e non un fin, para que estea ao servizo do desenvolvemento persoal, profesional e comunitario a un mesmo tempo”, destacou a conselleira. Na mesma liña remarcou o potencial da Economía Social por aportar “solucións innovadoras desde o ámbito local para dar solución a retos de interese mundial que enfrontamos hoxe en día, como a economía verde, o cambio climático, a transformación dixital ou a inclusión social”.
Nesta liña a Xunta de Galicia comezará a principios de ano as xuntanzas para acordar coas entidades o contido da II Estratexia galega da Economía Social (2023-2026), un documento que, como adiantou Lorenzana, incidirá na recuperación da economía e aumentará a competitividade a través da mellora da capacitación das persoas e das entidades.
A estratexia fará fincapé tamén nos sectores económicos emerxentes e favorecerá a transición dixital, verde e cohesionada. Garantir o recoñecemento da Economía Social e o seu potencial na economía de mercado e nos distintos sectores económicos será fundamental, tal e como resaltou a conselleira.
A Rede Eusumo é unha canle aglutinadora de empresas e entidades que se rexen polos principios que propugna a Economía Social. Precursora da colaboración público-privada, destacou a conselleira, xogou nos últimos dez anos un papel determinante no microemprendemento cooperativo galego. “Hoxe en día podemos dicir con claridade que a Economía Social é unha realidade en Galicia, que está presente en todos os sectores de actividade, con empresas de todos os tamaños e con marcas líderes no mercado”, afirmou Lorenzana.
A conselleira avogou polo futuro da Rede Eusumo para que sexa quen de xerar un ecosistema de Economía Social que conte coas entidades e que garanta un equilibrio territorial. “Unha rede con identidade propia que forme parte e que sexa partícipe da filosofía da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade”, lembrou a conselleira.
“No Goberno galego somos conscientes de que investir na Economía Social é sumar colaboradores, crear rede e tecido asociativo, e multiplicar exponencialmente as posibilidades do emprego na comunidade autónoma e o desenvolvemento do territorio en Galicia”, concluíu a titular de Promoción do Emprego e Igualdade.