Lorenzana destaca o apoio da Xunta aos autónomos con preto de 60 M€ en axudas para 2023
Lorenzana destaca o apoio da Xunta aos autónomos con preto de 60 M€ en axudas para 2023
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade visitou hoxe a empresa XS Interiores, beneficiaria das axudas de promoción do emprego autónomo e Xempre Emprendemento
Puxo en valor o novo programa Impacto Autónomo que con 30 millóns de euros ofrece apoios de entre 800 e 1.500 euros ás persoas traballadoras por conta propia para facer fronte á subida de prezos
Anunciou que nas vindeiras semanas publicaranse no Diario Oficial de Galicia as axudas para impulsar e apoiar o inicio de actividade e o Bono Autónomo para a consolidación e mellora da competitividade de negocios deste colectivo
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Ourense a empresa XS Interiores, onde mostrou o apoio da Xunta ás persoas traballadoras por conta propia ás que o departamento autónomico inclúe para este 2023 no seus orzamentos un investimento de preto de 60 millóns de euros (57 millóns) en diferentes programas de axuda e de impulso a este colectivo.
Lorenzana destacou que a principios de ano xa se convocaron no Diario Oficial de Galicia (DOG) os apoios directos de Impacto Autónomo, un novo programa que cun orzamento de 30 millóns de euros inclúe axudas de entre 800 e 1.500 euros para que as persoas traballadoras autónomas poidan facer fronte á inflación. Estes apoios poden solicitarse ata o próximo 9 de febreiro.
Así mesmo, anunciou que nas vindeiras semanas abrirase tamén o prazo de solicitude doutros dous programas dirixidos aos autónomos: Xempre Autónomo que con 12 millóns de euros apoiará o inicio de actividade por conta propia; e o Bono Autónomo que con 8 millóns de euros permitirá a consolidación e mellora da competitividade dos negocios.
“Na Xunta estamos comprometidos co emprego autónomo para facer de Galicia unha comunidade de oportunidades, certezas e futuro”, apuntou a conselleira, quen, para rematar, gabou o labor de XS Interiores, un espazo onde se deseñan e ofrecen solucións creativas para os fogares e que é beneficiaria de axudas dos programas de promoción do emprego autónomo e de Xempre Emprendemento. “Un exemplo de como a Administración autonómica está ao carón das persoas emprendedoras”, concluíu.