Lorenzana pon en valor o papel das oficinas na modernización do Servizo Galego de Emprego a través do acompañamento persoal e a intelixencia artificial
Lorenzana pon en valor o papel das oficinas na modernización do Servizo Galego de Emprego a través do acompañamento persoal e a intelixencia artificial
- A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro coas directoras e directores das 54 oficinas de emprego de Galicia.
- A Xunta de Galicia utilizará a intelixencia artificial no seu novo sistema ‘EMI’ co que as oficinas de emprego axustarán os perfís ás demandas do mercado laboral.
Destacou a incorporación de 136 novos orientadores que desenvolverán o programa de seguimento intensivo da demanda que acompañará, de xeito personalizado, ás persoas usuarias do servizo con maiores dificultades para empregarse.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con directoras e directores das 54 oficinas de emprego de Galicia para facelos partícipes do proceso de renovación integral no servizo público que está a acometer a Xunta, que pasa pola mellora das infraestruturas, polo seguimento personalizado ás persoas demandantes de emprego e pola integración dun novo sistema de intelixencia artificial para optimizar a busca de emprego e favorecer a cobertura de vacantes laborais existentes na comunidade.
Neste contacto, a conselleira quixo agradecer aos profesionais das oficinas do servizo público de emprego de Galicia o seu esforzo ante os cambios que están a afectar ao seu labor diario que repercutirán, segundo indicou, nunha mellor atención ás persoas usuarias e na optimización do desenvolvemento do seu traballo.
Tal e como destacou, unha das principais novidades no servizo, será a implementación, xa neste mes de maio e con carácter piloto en tres oficinas (Cambados, Pontevedra e Ordes), da nova ferramenta tecnolóxica EMI (Emprego Intelixente). Baseada na intelixencia artificial permitirá axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público.
Tratarase, tal e como destacou a titular de Promoción do Emprego, de aproveitar as posibilidades que brindan a intelixencia artificial e a analítica avanzada en prol da xeración de máis de mellor emprego en Galicia.
Lorenzana explicou, por outra banda, o novo programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, para axudar e apoiar de xeito máis personalizado a aquelas persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia que presentan dificultades para atopar un traballo co obxectivo de integralas o antes posible no mercado.
O obxectivo, tal e como detallou a conselleira, é o de poder outorgar ás persoas demandantes información completa e explicarlles de xeito individual os recursos que lles ofrece o Servizo público de emprego de Galicia, coa finalidade última da mellorar a súa empregabilidade.
Lorenzana puxo en valor o rol que os 136 novos orientadores incorporados ás oficinas de emprego de xeito permanente desenvolverán para levar a bo termo este programa que porá o acento nas persoas que presenten as seguintes casuísticas: que teñan rexeitado unha oferta de emprego ou abandonen sen xustificación un servizo de orientación ou/e de formación; que leven máis de 5 anos de inscrición ininterrompida no Servizo de Emprego de Galicia sen acceder a un posto e que non teñan itinerario ou plan personalizado activo nos últimos 12 meses; as que non teñan confirmado a súa dispoñibilidade para tres ofertas nun período dun ano; ou as que non se presenten a citas de orientación laboral nos centros colaboradores do servizo, sen posibilidade de contacto telefónico e carentes dun itinerario ou plan personalizado de emprego activo.
O Goberno galego quere facer máis accesibles, máis próximos e máis dinámicos os servizos de emprego liderados pola Administración autonómica, polo que está comprometida cun proceso de modernización sen precedentes que quere por no centro ás persoas, pero tamén ao tecido empresarial, para atender as necesidades de ambos os dous. O obxectivo último, dixo Lorenzana, é o de mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade, mediante á creación de emprego adaptado aos cambios do mercado laboral e a través do acompañamento personalizado.