Lorenzana pon en valor os servizos especializados que a vivenda tutelada de Burela presta ás mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental

Lorenzana pon en valor os servizos especializados que a vivenda tutelada de Burela presta ás mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a entidade Saúde Mental A Mariña que puxo en marcha este proxecto que cumpre este mes o seu 4º aniversario

A Xunta financia con 140.000 euros anuais a iniciativa na que se atenderon 26 persoas (24 mulleres e 2 menores) nestes catro anos

A vivenda tutelada forma parte da Rede autonómica de acollemento para mulleres vítimas de violencia de xénero e menores ao cargo que ofrece 84 prazas e na que se atenderon desde 2009 un total de 3.668 mulleres e menores

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Cervo as instalacións da entidade Saúde Mental A Mariña, onde, ademais de poñer en valor a atención que presta ás persoas afectadas con esta enfermidade, destacou o traballo que realiza na vivenda tutelada de Burela dirixida a mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental e aos seus fillos e fillas. No ano 2019 púxose en marcha este proxecto, pioneiro en España, no que se garante acollemento, atención e recuperación a estas persoas nun espazo seguro e con servizos especializados.

A titular de Igualdade da Xunta sinalou o importante labor que o colectivo realiza, sinalando que estas mulleres ven como, en moitas ocasións, se cuestiona a súa denuncia por violencia de xénero pola súa diagnose médica. “Para rachar cos prexuízos e estigmas é clave dar visibilidade á enfermidade mental e apostar por espazos como a vivenda tutelada que esta entidade xestiona en Burela”, apuntou.

Este recurso, que a Xunta apoia con 140.000 euros anuais, atendeu desde 2019 un total de 26 persoas (24 mulleres e 2 menores). A vivenda forma parte da Rede autonómica de acollemento para mulleres vítimas de violencia de xénero e menores ao cargo que ofrece na actualidade 84 prazas nas tres casas de acollida (A Coruña, Ferrol e Ourense), nas tres vivendas tuteladas (Lugo, Burela e Chantada) e no centro de emerxencia de Vigo.

A Xunta desde 2009 destinou 4,8 millóns de euros a estes centros onde se atenderon desde entón un total de 3.668 persoas (1.985 mulleres e 1.683 menores).

Lorenzana, para rematar, insistiu na necesidade de visibilizar o traballo que realizan entidades como Saúde Mental A Mariña que naceu en 1999 grazas a un grupo de cinco familias da contorna e que hoxe en día presta recursos e un tratamento personalizado e integral, tanto de atención como de recuperación, ás vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental que lles axuda a rachar con círculo de violencia.