Martina Aneiros anima a incorporar a “valía, capacidade de resiliencia e superación” das persoas con discapacidade como valor engadido ás empresas

Martina Aneiros anima a incorporar a “valía, capacidade de resiliencia e superación” das persoas con discapacidade como valor engadido ás empresas

  • O Programa Talentos, que organiza Inserta Empleo, ten como finalidade fomentar a contratación de persoas con discapacidade a través de varios encontros con empresas nos que se dan a coñecer os beneficios fiscais e sociais de contar con persoas con diversidade funcional entre o seu persoal.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Gran Hotel Ferrol nun encontro con empresarios de Ferrol e Narón no marco do Programa Talentos, organizado pola entidade Inserta Empleo, da Fundación ONCE, para fomentar a contratación de persoas con discapacidade.

Durante a súa intervención, Aneiros disertou sobre a situación “esperanzadora” pola que atravesa a industria e o emprego en Ferrolterra, lembrando o interese manifesto de varias empresas por localizarse na comarca e apelou á responsabilidade de empresas, masa social e Administracións “á hora de impulsar a cristalización” destas oportunidades. “Neste obxectivo común non podemos desaproveitar ningún talento e iso é o que hoxe nos reúne aquí”, indicou en referencia á finalidade da xornada de cara a visibilizar as aptitudes das persoas con discapacidade e descubrir ás empresas os beneficios fiscais e sociais de contratalas.

A representante da Xunta apuntou aos “estereotipos e barreiras mentais” como o principal reto que obstaculiza a integración das persoas con discapacidade no mercado laboral e exhortou a “derribalo” coa complicidade de todos. “Quero animar aos empresarios aquí presentes a empatizar coas persoas con discapacidade e a que coñezan e recoñezan a súa valía, capacidade de resiliencia e superación como valores engadidos que sumar as súas empresas”, dixo, e asegurou que Galicia, e nomeadamente Ferrolterra, “non se pode perder a oportunidade de incorporar ás persoas con discapacidade ás vacantes que rexistra actualmente o mercado laboral galego”.

Na apertura do evento tamén interviñeron a directora da axencia ONCE Ferrol, Belén Regueiro, e a directora rexional de Inserta Empleo en Galicia, Beatriz Gallego. O programa da xornada inclúe unha análise do tecido empresarial da zona, unha charla sobre discapacidade como concepto legal, unha conferencia sobre a inclusión sociolaboral na empresa Konecta e o testemuño do deportista paralímpico Álvaro Galán.

O Programa Talentos está cofinanciado polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e da Economía Social (Poises) e ten como obxectivo visibilizar o talento das persoas con discapacidade para fomentar a súa contratación.