O programa Mentoring da Xunta apoia a 220 autónomos na adaptación ou transformación dos seus negocios

O programa Mentoring da Xunta apoia a 220 autónomos na adaptación ou transformación dos seus negocios

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Economía Social e Traballo Autónomo, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago nun encontro cos participantes no que se intercambiaron experiencias e avaliaron posibles colaboracións

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en colaboración coa Fundación Ronsel, desenvolve esta iniciativa na que un mentor acompaña a cada persoa autónoma para asesorarlle ante as novas necesidades do mercado e a situación actual

A Xunta activará en 2023 o novo programa Impacto autónomo que ofrecerá aos traballadores por conta propia axudas medias de 1.200 euros para facer fronte ao actual contexto socioeconómico

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Economía Social e Traballo Autónomo, Covadonga Toca, tomou parte hoxe en Santiago de Compostela nun encontro entre os participantes do programa Mentoring Traballo Autónomo, unha iniciativa que desenvolve a Xunta, en colaboración coa Fundación Ronsel, para axudar ás persoas traballadoras autónomas de Galicia na adaptación ou transformación dos seus negocios ás novas necesidades do mercado e a situación actual.

 

Coa iniciativa apóiase a 220 persoas traballadoras que contan cada un deles cun mentor que lles asesora ante as novas necesidades do mercado e a situación actual. Entre as actividades que ofrece o programa destacan obradoiros de formación e a celebración de encontros como o de hoxe no que os asistentes intercambiaron experiencias e avaliaron posibles colaboracións. Así mesmo, a iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inclúe actividades para incrementar os contactos profesionais de cada autónomo.

 

Apoiar a consolidación da actividade económica das persoas traballadoras autónomas, acompañalas na adaptación ou transformación dos seus negocios ás necesidades de mercado e a situación actual, e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión e outras, ao incremento dos seus contactos profesionais e a súa actividade económica é, en palabras de Toca, o reto desta iniciativa autonómica.

 

O colectivo dos autónomos é prioritario para a Administración autonómica ao que destinará en 2023 un total de 30 millóns de euros para poñer en marcha o novo programa Impacto autónomo que con axudas directas medias de 1.200 euros pretende apoiar a unhas 25.000 persoas traballadoras autónomas para facer fronte e minimizar o impacto que a suba de custos enerxéticos e das materias primas está a ter na súa actividade. Son 30 millóns de euros adicionais ao investimento co que xa contan os programas anuais da Xunta dirixidos a estes traballadores, que suman en 2023 outros 30 millóns máis.