PROGRAMA RETORNA CUALIFICA EMPREGO:

O programa Retorna Cualifica Emprego ten como finalidade contribuír a incrementar a poboación activa de Galicia a través da atracción das persoas galegas residentes no estranxeiro, tanto as emigrantes como as súas descendentes, facilitándolles mecanismos e medios para a súa cualificación e a súa inserción laboral.

O programa Retorna Cualifica Emprego ten como obxectivo específico que aquelas persoas que contan cun plan de cualificación e empregabilidade, subscriban un contrato de traballo cunha duración mínima de 12 meses, ou 15 meses no caso de ser un contrato de traballo fixo-descontinuo dos cales o período de actividade será como mínimo de 9 meses.

Inscrición no programa

Para participar no o programa Retorna Cualifica Emprego as empresas deberán realizar a súa inscrición mediante:

  • A solicitude de adhesión ao Programa Retorna Cualifica Emprego.

  • A formalización do correspondente compromiso de contratación das persoas participantes no programa con calquera das Fundacións colaboradoras, indicando os perfís e número de persoas a contratar, modalidades de contratos, duración e xornada e identificación ou localización dos centros de traballo.

 
 

Contidos do programa

Coa participación no programa Retorna Cualifica Emprego as empresas recibirán os seguintes servizos:

  • Preselección das persoas participantes no programa que reúnan os requisitos e se axusten aos perfís demandados polas empresas e que ademais manifesten a súa dispoñibilidade e conformidade para trasladarse a Galicia para incorporarse ao posto de traballo ofertado.

  • Asistencia por parte das fundacións conveniadas para o proceso de contratación das persoas.

 

Requisitos para poder participar

  • Poden participar as empresas con centros de traballo en Galicia interesadas na contratación de persoas traballadoras migrantes galegas que participen no Programa Retorna Cualifica Emprego e coas se comprometan a formalizar o correspondente contrato de traballo.

  • Para a formalización do contrato con participantes incluídos no Programa é imprescindible que a oferta de emprego sexa previamente obxecto de difusión a través do Servizo Público de Emprego de Galicia.

  • A duración do contrato ofertado en todo caso será como mínimo de 12 meses, agás na modalidade fixo-descontinuo que deberá ser como mínimo de 15 meses e dos cales 9 meses serán de actividade.