Que é o jobcrafting?
Compartir
1. Comecemos polo principio: Que é o jobcrafting?
O jobcrafting consiste en adaptar certos aspectos relacionados co traballo, como as tarefas ou as relacións, para axeitalo mellor ás características de cada persoa.
Se o pensamos, non é nada novo: antes da industrialización, a meirande parte dos traballos facíase de forma autónoma e personalizada. A estandarización de actividades e de métodos foi uniformando os postos e facendo do traballo algo impersoal. Malia que esta estandarización conseguiu aumentar a produtividade, a falta de autonomía tamén provocou un certo desvencellamento, unha perda de identidade co traballo. Se pensamos nos nosos avós ou bisavós, eles amosaban o seu oficio con orgullo. A miña avoa era sombreireira e aínda conservamos parte do seu traballo na casa. Ela seguiu a facer tocados ou arranxos despois de retirarse.
O jobcrafting, en realidade, consegue que as persoas gocen máis do que fan, non por mero divertimento (que, dende logo, tamén é bo), senón porque o seu esforzo está aliñado cos seus valores, coas súas fortalezas, coas súas capacidades, coas súas circunstancias e intereses.
2. Podes poñernos un exemplo cotián de jobcrafting?
A través do jobcrafting as persoas poden facer pequenas modificacións ou cambios que adecúen máis o traballo a elas mesmas. Poden alterar tarefas, relacións ou, incluso, o propio significado que outorgan ao seu posto. Por exemplo, poden modificar o contido ou cantidade de tarefas ou, simplemente, enfocarse con mais intensidade en algo que lles parece relevante. Por exemplo, reservar 30 minutos do día para concentrarse nun labor específico, ou enriquecer algunha das tarefas cunha determinada habilidade. Por exemplo, unha líder de banca moi creativa comentábame como conseguira modificar as aburridas reunións de obxectivos, mellorando o aspecto dos informes e o estilo da reunión. Tamén coñezo moitos exemplos de persoas que fan as conversas e reunións camiñando ou que fan «descansos activos», para diminuír o sedentarismo. Mais tamén pode ser algo tan simple como poñer un reto ás actividades aburridas e procurar facelas en menos tempo ou mellorar o seu resultado.
No ámbito das relacións, ás veces algo tan simple como convocar unha pequena reunión en lugar de enviar eternas cadeas de correo con copias e recopias. Compartir os momentos de descanso con persoas que nos achegan valor. Se tes que conducir, ou facer algunha tarefa rutineira e es curiosa ou che gusta a música, podes escoitar podcast ou programar unha listaxe coas túas cancións favoritas. Unha das intervencións que as persoas máis me comentan é a organización do tempo de traballo aliñando a dificultade ou a importancia das nosas tarefas co noso ciclo biolóxico. Unha persoa que é matutina, e dicir, aquela que está máis activa nas primeiras horas da mañá, consegue un resultado incrible cando destina ese tempo a facer unha actividade importante ou complexa. Aliñar o noso corpo coa nosa planificación é a mellor estratexia para non postergar.
3. Como se implanta nunha empresa o jobcrafting? Quen o pode impulsar: a empresa ou a persoa empregada?
O ideal sería que cada empresa dedicase tempo a coñecer ás súas empregadas e facilitarlles a observación do seu propio traballo. Isto precisa coñecer non só a súa formación ou habilidades, tamén os seus intereses, os seus valores, as súas circunstancias. Conversar, falar con frecuencia, manter proximidade e non deixar o desenvolvemento profesional acoutado a unha entrevista anual. A partir de este coñecemento, a empresa pode facilitar que esa persoa amplíe ou varíe algunha das súas funcións, achegue algunha nova actividade ou se organice de forma diferente.
Mais non sempre ten que ser a empresa, cada persoa pode facer algo para singularizar o seu traballo, para adecualo. Ás veces, a adecuación limitarase a facer pequenas variacións persoais, mais outras pode derivar nunha proposta de mellora cara á empresa. Imaxina que traballas na área tecnolóxica e que che gustan as relacións e comunicar: podes propor á túa empresa destinar parte do teu tempo a impartir formación a outros departamentos para que aumenten a súa eficacia.
4. Cales son as vantaxes ou beneficios do jobcrafting para a persoa empregada e para as organizacións?
As investigacións demostran beneficios para as persoas empregadas, porque mellora a satisfacción co traballo e a motivación intrínseca, reduce a ansiedade, favorece o desempeño, axuda á conciliación entre a vida persoal e laboral e, sobre todo, pola percepción de aliñamento cos propios obxectivos.
En relación coa organización, este tipo de metodoloxías diminúe a rotación das empregadas. Tamén pon en evidencia coñecementos ou habilidades ás veces ignorados, e todo isto reflíctese na produtividade. O máis importante, dende a miña experiencia, é que axuda ao desenvolvemento de oportunidades antes non exploradas, porque moitas veces o talento está agochado nas rutinas ou nos límites do posto de traballo.
5. Como mellora as relacións e interaccións na estrutura organizativa o jobcrafting?
Unha das áreas máis destacadas de mellora con estas metodoloxías é, precisamente, a relacional. Unha proposta de jobcrafting en equipo permite repartir o traballo e as responsabilidades de maneira máis proporcionada e axeitada a cada persoa. E, como non, cando as persoas teñen unha maior percepción de control sobre o seu traballo, mostran unha moral máis alta e este mellor ánimo beneficia a interconexión.
Belén Varela
Licenciada en Dereito, especialista en Práctica Xurídica e Máster en Dirección de Recursos Humanos, especializouse en psicoloxía positiva aplicada ás organizacións. Con 30 anos de experiencia na direción de persoas en grandes corporacións, actualmente dedícase á ciencia e a prática do bo traballo. Asesora a empresas para crear entornos laborais saudables, optimistas e produtivos. Compaxina este traballo coa actividade docente en ERLAC (Universidad da Coruña). Tamén realiza unha importante labor divulgadora a través de diferentes medios de comunicación e de transformación social a través do Movemento FET de «felicidade no traballo». Autora de La Rebelión de las moscas (Ediciones B, 2012) e Jobcrafting (Urano, 2019).