A Xunta promove a cultura da prevención desde a infancia a través do novo espazo educativo do Issga na delegación territorial de Pontevedra
A Xunta promove a cultura da prevención desde a infancia a través do novo espazo educativo do Issga na delegación territorial de Pontevedra
- José González visitou unha iniciativa que permite ao alumnado aprender a identificar riscos, adquirir hábitos seguros e incorporar coñecementos útiles para a súa seguridade, benestar e autonomía ao longo da vida
- A aula prevé chegar este ano a arredor de 1.000 escolares da provincia e posteriormente itinerar polo resto de Galicia, con propostas adaptadas ás diferentes idades e aos ámbitos da escola, a rúa, o fogar e o traballo
- As rapazas e rapaces poderán experimentar, ademais, con equipos de protección individual, utilizar un simulador de condución e coñecer diferentes profesións e os riscos asociados a elas
- A Xunta lembra que a prevención e o benestar laboral están no centro da súa acción de goberno, en liña co próximo Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, participou esta mañá na inauguración do novo Espazo Educativo de Prevención de Riscos Laborais Aprender a protexernos, do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga).
Durante a visita, na que tamén estiveron presentes a secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e a xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, coñeceron os distintos espazos desta iniciativa, que ten como obxectivo achegar a prevención ao alumnado desde idades temperás e ofrecerlle coñecementos e ferramentas útiles para a súa seguridade, o seu benestar e a súa autonomía ao longo da vida.
Neste sentido, o proxecto parte da idea de que a prevención tamén se aprende. Por iso, este espazo promove que as rapazas e rapaces se familiaricen desde pequenos coa identificación dos riscos, coa adopción de hábitos seguros e coa maneira de actuar ante diferentes situacións da vida cotiá, contribuíndo así a construír unha cultura preventiva que poidan trasladar tamén ás súas familias e, no futuro, ao seu ámbito laboral.
A previsión é que este ano beneficie arredor de 1.000 alumnas e alumnos, como os escolares do centro San José que participaron hoxe nas actividades, co obxectivo de que posteriormente poida itinerar polo resto das provincias galegas. O conselleiro agradeceu o labor que desenvolve o Issga, xa que a prevención e o benestar laboral están no centro da acción da Xunta, en liña coa Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 e co próximo Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029.
Aprender a previr, aprender a protexernos
O espazo está organizado en tres zonas diferenciadas, adaptadas á idade do alumnado: unha de equipamento, outra audiovisual e unha terceira de documentación e actividades.
Na zona de equipamento, as rapazas e rapaces poden poñerse cascos e chalecos e aprender a identificar riscos e as medidas para evitalos ou controlalos. Na zona audiovisual, abórdanse cuestións como os perigos eléctricos, as caídas, a hixiene, o ruído, a ergonomía e os riscos psicosociais, con exemplos próximos á súa realidade, como o uso correcto da mochila, a postura ou o acoso escolar. Pola súa banda, a zona de documentación e actividades conta con publicacións, cómics, recursos dixitais, xogos e diferentes escenarios para distinguir comportamentos correctos e incorrectos.
Os contidos estrutúranse arredor de catro ámbitos —a escola, a rúa, o fogar e o traballo— e inclúen tamén a utilización de equipos de protección individual, un simulador de condución e actividades sobre diferentes profesións e os seus riscos. A proposta complétase con contidos de ciberseguridade e primeiros auxilios, en colaboración coa Policía Nacional, a Garda Civil e Protección Civil.

