A Xunta organiza en Lugo unha xornada para reforzar a coordinación institucional contra a violencia de xénero

A Xunta organiza en Lugo unha xornada para reforzar a coordinación institucional contra a violencia de xénero

Reúne na Delegación Territorial a responsables das políticas de igualdade do Goberno galego e dos concellos, persoal dos CIM e axentes dos corpos de seguridade, entre outros

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle hoxe unha Xornada de divulgación da Diagnose e Boas Prácticas das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, co fin de incrementar o grao e a efectividade da colaboración no seo destes órganos.

 

No acto de inauguración participaron a secretaria xeral da Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e o delegado territorial, Javier Arias. Os destinatarios son o persoal técnico e político das áreas de igualdade do concellos lucenses, dos Centros de Información á Muller (CIM), axentes dos corpos e forzas de seguridade e, en xeral, representantes dos ámbitos implicados nas mesas.

 

A partir da diagnose realizada sobre o funcionamento destes órganos, a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta convoca xuntanzas provinciais para fortalecer o seu traballo, xerando un espazo de intercambio e coñecementos sobre boas prácticas e recollendo novas accións de intervención que redunden nunha maior transferencia das experiencias entre axentes e administracións.

 

Un total de 44 concellos da provincia de Lugo están adscritos á Rede galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero e o 34% teñen constituída a mesa local. En concreto hai 12 mesas municipais, en Burela, Outeiro de Rei, Sarria, Mondoñedo, Palas de Rei, Vilalba, Monforte de Lemos, Quiroga, Viveiro, Ourol, Ribadeo e Xove, e unha mesa mancomunada que comparten Carballedo, Chantada e Taboada.

 
Segundo afirmaron os representantes autonómicos, o obxectivo é contribuír a mellorar a prevención e atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero, a través dunha resposta institucional máis áxil e coordinada en todos os aspectos: sanitario, de protección e seguridade, psicolóxico, residencial ou económico.