A Xunta aposta pola innovación en seguridade e saúde laboral para mellorar a calidade no traballo
A Xunta aposta pola innovación en seguridade e saúde laboral para mellorar a calidade no traballo
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe, xunto á xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, na apertura da xornada Safety Leaders Galicia, a segunda edición deste foro organizado por PrevenControl coa colaboración da Administración autonómica e a Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). Na súa intervención, Mancha destacou a importancia de aplicar as técnicas máis innovadoras en seguridade e saúde laboral como clave para mellorar a calidade no traballo.
Durante a xornada, que xa tivo lugar noutras cidades como Barcelona, Madrid, Bilbao, Burgos, Oviedo ou Pamplona, entre outras, avaliáronse cuestións como a xestión e os aspectos imprescindibles do liderado en seguridade; a cultura preventiva como alicerce de éxito dunha organización; a importancia da comunicación creativa en seguridade e saúde; os elementos claves que se deben mover nunha evolución cultural; e diferentes casos prácticos en ergonomía avanzada.
O acto enmárcase na celebración da Semana Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo que este ano se engloba na campaña 2020-2022 Traballos saudables: relaxemos as cargas que ten por obxecto sensibilizar respecto dos trastornos musculoesqueléticos relacionados co traballo e a necesidade de xestionalos e promover unha cultura de prevención de riscos.