A Xunta ultima a nova estratexia da economía social que contribuirá á diversificación e impulso do sector

A Xunta ultima a nova estratexia da economía social que contribuirá á diversificación e impulso do sector

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe nun foro do Goberno cántabro sobre os valores e proxección desta fórmula económica

Puxo en valor que a economía social representa en Galicia o 7% do PIB e que representa os valores do territorio e das persoas

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe na xornada Transformando nuestra realidad para una economía más social organizada polo Goberno cántabro na que puxo en valor as medidas de apoio ao emprendemento na economía social que Galicia está a acometer coa elaboración da nova Estratexia da Economía Social 2022-2026 coa que seguirá a impulsar o crecemento do sector.

A través deste marco de referencia, especificou Toca, fomentarase o crecemento das empresas da economía social e se contribuirá a crear novas firmas “con maior capacidade de resistencia e atendendo á diversificación nos sectores relevantes”.

A secretaria xeral destacou o rol do sector no proceso de transición ecolóxica e dixital, e remarcou a necesidade de manter a esencia e valor engadido desta fórmula económica que, como dixo, “sitúa no centro ás persoas e contribúe a xerar maior cohesión social e territorial”.

 

Toca incidiu no labor da Xunta para aportar seguridade xurídica, continuidade e competitividade á economía social, un ámbito ao que definiu como “clave” no mercado laboral galego, por aglutinar máis de 7.000 entidades e representar o 7% do PIB galego cun impacto anual duns 850 millóns de euros. Segundo afirmou, a economía social “é un selo de identidade da comunidade galega que representa moi ben valores que caracterizan ás galegas e galegos e ten demostrada resiliencia”.

A Xunta de Galicia segue a apostar por este sector que aglutina en 2022 apoios por máis de 35 millóns de euros, un 6,1% máis que en 2021. Entre os programas activados pola comunidade atópanse os bonos Consolida (con 1,5 millóns para apoiar a transformación dixital e mellora enerxética), Es-Transforma (con 1,5 millóns para impulsar a recuperación de negocios en crise ou sen relevo xeracional); ou Aprol Economía social, ao que se destinou neste exercicio 3,8 millóns para fomentar a incorporación de persoas desempregadas e traballadores en activo a cooperativas.

A comunidade galega conta ademais coa Rede Eusumo, unha iniciativa que cumpre 10 anos de traballo acompañando, formando e asesorando a todas aquelas entidades que apostan por este modelo de economía e que Toca quixo poñer en valor no foro cántabro.

“Galicia é un escenario propicio para levar a cabo iniciativas de economía social, por contar cunha lexislación específica adaptada ás súas particularidades”, lembrou a secretaria xeral, quen resaltou que a comunidade foi a primeira en adaptar a Lei española de economía social de 2011 ao eido autonómico.