A Xunta presenta en Pontevedra a Axenda Galega das Capacidades para o Emprego que poñen o foco na formación dixital, industrial, empresarial e asistencial

A Xunta presenta en Pontevedra a Axenda Galega das Capacidades para o Emprego que poñen o foco na formación dixital, industrial, empresarial e asistencial

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe no Salón da oferta e da educación e formación de Galicia -Edugal-, onde presentou a estratexia autonómica

O reto da Axenda de Capacidades para o Emprego é axustar a oferta á demanda laboral para seguir creando emprego e asignar postos laborais dispoñibles ás persoas coas competencias axeitadas

Lado destacou que esta planificación é un pacto social que establece un marco de colaboración estable e continuado cos sectores produtivos para situar as capacidades das persoas no centro da axenda política

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, presentou hoxe en Pontevedra a Axenda Galega das Capacidades para o Emprego no marco do Salón da oferta e da educación e formación de Galicia -Edugal- que hoxe se inaugurou coa presenza tamén de Lado.

Na súa intervención, a directora xeral explicou que a Axenda Galega das Capacidades para o Emprego responde á estratexia da Comisión Europea que establece os obxectivos de capacitación e reciclaxe profesional para os próximos cinco anos a través de doce accións centradas nas capacidades para o emprego. Do que se trata é, en palabras de Lado, asegurar que as persoas teñan a formación axeitada para o traballo, definir ferramentas e iniciativas que apoien ás persoas na súa formación ao longo de toda a súa vida e establecer un marco de colaboración público-privada.

 

Deste xeito, naceu a Axenda Galega das Capacidades para o Emprego cun reto prioritario, segundo explicou a directora xeral, emparellar a demanda coa oferta do mercado laboral a través da implicación de gobernos, centros de formación, tecido empresarial e persoas traballadoras. “Atopámonos ante un pacto social que xunta esforzos públicos e privados para ofrecer á cidadanía máis e mellores oportunidades de aprendizaxe”, indicou.

 

O traballo feito ata o de agora a través desta planificación permitiu a detección de catro focos nos que se deben desenvolver accións de capacitacións: o dixital (análise de datos, programación e competencias básicas, entre outros); o industrial e da construción (manexo de maquinaria, soldadura, pintado ou fabricación); empresarial (xestión e liderado de proxectos e equipos, capacidades de venda, idiomas ou competencias brandas); e asistencial (coidados, atención ao cliente ou servizos). 

Estas conclusións obtivéronse tras os primeiros pasos que se deron na execución desta estratexia, que foi poñer en marcha un traballo colaborativo co tecido produtivo, que permitiu a detección de necesidades concretas de capacitación para a súa posterior adaptación aos catálogos do sistema de formación para o emprego. Este labor abordouse en mesas de traballo específicas estruturadas por sectores (a construción; a Blue economy; a Green economy; a Silver economy; o sector da automoción e o aeronáutico; a loxística; o turismo, a hostalería e o comercio e a economía dixital), cunha mesa de traballo concreta na que se trataron as dificultades específicas en materia de formación para o emprego que afectan aos colectivos vulnerables.

 

Este traballo permitiu xa construír un Catálogo de Capacitación para o Emprego que inclúe as necesidades reais do tecido produtivo galego. Identificáronse, en concreto, 690 competencias con necesidades de formación, distribuídas en diversos eidos como a comunicación, a xestión e administración, o uso de maquinaria e a mobilización de cargas e o ámbito dixital e da TIC.

“Traballamos para asignar os empregos dispoñibles ás persoas coas competencias axeitadas para seguir creando emprego e aumentar a produtividade e a competitividade do noso tecido empresarial”

Para rematar, a diretora xeral fixo fincapé na importancia da colaboración público-privada para garantir unha axeitada formación para o emprego e salientou tamén a necesidade de modernizar o Servizo de Emprego de Galicia, un eido no que traballa a Xunta para converter as necesidades das empresas en ofertas de traballo e xestionalas e difundilas a través das diversas canles do Servizo de Emprego. Para iso, a Administración autonómica asinou coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) a súa adhesión a un sistema de difusión de ofertas do Servizo de Emprego de Galicia, un pacto orientado a obter candidaturas axustadas aos requisitos solicitados polas empresas. “Estamos a obter unha información cualitativa moi valiosa sobre o comportamento do mercado de traballo de cara a deseñar políticas activas eficientes e utilizar a potencialidade do Serivzo de Emprego de Galicia para difundir esas vacantes e facilitar a súa cobertura”, concluíu.

 

A Axenda Galega das Capacidades para o Emprego e a modernización do Servizo de Emprego, xunto co impulso ao emprendemento, a través da rede de polos de emprendemento de Galicia, forman parte da nova estratexia da Xunta no eido do emprego, Xempre Contigo.