Rivo informa en Ourense das axudas ao emprendemento que se publican hoxe no DOG con contías que oscilan entre os 3.000 e 30.900 euros
Rivo informa en Ourense das axudas ao emprendemento que se publican hoxe no DOG con contías que oscilan entre os 3.000 e 30.900 euros
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, mantivo hoxe unha xuntanza informativa cos comerciantes do Centro Comercial Ponte Vella.
Os apoios poden solicitarse desde o vindeiro 12 de febreiro.
Desde hoxe poden pedirse as axudas que, con 1,3 millóns de euros, están dirixidas aos autónomos para a contratación de persoas traballadoras indefinidas.
A representante autonómica puxo en valor o peso do emprego autónomo en Ourense con preto de 23.000 traballadores, o que representa o 21,2% do total de afiliados na provincia.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe en Ourense nunha xuntanza cos comerciantes do Centro Comercial Ponte Vella para escoitar as súas demandas e poñer en valor o traballo que desenvolven para impulsar a economía local da cidade.
A conselleira sinalou o apoio da Xunta ao emprego autónomo e ao emprendemento, destacando o peso do traballo por conta propia en Ourense, con preto de 23.000 traballadores, o que representa o 21,2% do total de afiliados na provincia. Esta porcentaxe é máis alta ca rexistrada no conxunto de Galicia, onde os autónomos representaron ao peche de 2023 o 19,29%; e é aínda maior – dixo Rivo- si se compara co conxunto do Estado, onde os autónomos representan o 16,05%, máis de cinco puntos por debaixo do rexistrado en Ourense.
Rivo informou, por iso, do mapa de axudas da Administración autonómica para seguir a dinamizar a economía. Diríxense a persoas traballadoras autónomas e emprendedoras, á economía social e á mellora da competitividade das pequenas e medianas empresas. Tamén se está a apoiar a contratación de persoas desempregadas con máis dificultades para acceder ao mercado de traballo.
Na xuntanza de hoxe, Rivo tipo oportunidade de debullar algunha destas iniciativas. Así, informou da publicación hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia (DOG) das axudas que, cun orzamento de 6,5 millóns de euros, buscan facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e a súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade.
Poden optar a estes apoios desde o vindeiro 12 de febreiro e ata o 28 de xuño de 2024 os seguintes colectivos que se constitúan ou dean de alta e que iniciaran a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2022: as persoas traballadoras autónomas, mutualistas, as pequenas e medianas empresas, as sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego. As contías destas axudas oscilan entre os 3.000€ e 30.900€.
Como novidades nesta convocatoria fináncianse os gastos notariais e/ou rexistrais directamente relacionados coa actividade subvencionada que sexan indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, cun máximo de 300€ por persoa beneficiaria; e os gastos de aluguer correspondentes ao local ou centro de traballo no que se realice a actividade subvencionada cun máximo de 600€ por persoa beneficiaria.
Rivo destacou, ademais, a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que iniciou o seu despregamento pola comunidade hai ano e medio, xa se está a consolidar como un recurso dinamizador nas doce zonas das catro provincias nas que está operativa, tendo asesorado máis dun milleiro de proxectos de novos emprendedores ou de persoas que desexan dar un xiro a negocios xa en marcha.
Apoio ao emprego autónomo
A conselleira, ademais, resaltou que desde hoxe mismo poden pedirse os apoios do programa de axudas anual destinado á contratación por parte de autónomos de traballadoras e traballadores indefinidas (primeiro, segundo e terceiro empregado) e a súa formación.
Destinado ao emprego autónomo, a Xunta ten mobilizados xa este ano case once millóns de euros para apoiar o traballo por conta propia e a xeración de emprego por parte dos autónomos. Nesta contía inclúese a nova medida que cubre o 100% a cota reducida dos novos autónomos. En apenas dúas semanas acadou as 2.300 solicitudes.
Así mesmo, a través da orde Galicia Emprega, estanse a ofrecer ás empresas incentivos para contratar persoas desempregadas, con especial atención aos colectivos con maiores dificultade para acceder ao mercado laboral, como mulleres, parados de longa duración, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en exclusión social etc.
Para rematar, a conselleira apuntou que son as empresas e as persoas traballadoras autónomas as que contribúen a xerar máis e mellor emprego en Galicia e indicou que o emprego é a mellor política social que existe.