Xunta e autónomos perfilan o novo programa de axudas directas dotado con 30M€ para que 25.000 profesionais poidan facer fronte á inflación

Xunta e autónomos perfilan o novo programa de axudas directas dotado con 30M€ para que 25.000 profesionais poidan facer fronte á inflación

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Mesa do Emprego Autónomo na que se abordaron os novos apoios autonómicos para o colectivo

Lorenzana detallou que co novo programa, Impacto autónomo, que se convocará en 2023, os traballadores por conta propia poderán acceder a axudas de 1.200 euros anuais de media para paliar os incrementos das súas facturas

Serán 30 millóns de euros adicionais ao investimento destinado a este colectivo nas contas autonómicas

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2022 A Xunta e autónomos están a perfilar o novo programa da Xunta de axudas directas a este colectivo, Impacto autónomo, co que o Goberno galego prevé que 25.000 profesionais poidan facer fronte á inflación. A iniciativa, dotada con 30 millóns de euros nos orzamentos de 2023, e que se abordou hoxe no seo da Mesa do Emprego Autónomo, permitirá que os traballadores por conta propia poidan acceder a axudas de 1.200 euros anuais de media coa finalidade de que poidan paliar os incrementos das súas facturas e, deste xeito, evitar poñer en risco a viabildade dos seus negocios.

Lorenzana destacou que serán 30 millóns de euros adicionais aos 33 millóns de euros de investimento xa consolidado para este colectivo nos orzamentos da Xunta para seguir apoiando a estes profesionais. Impacto autónomo, en palabras da conselleira, pretende axudar “de xeito específico” a este colectivo a paliar o custe da vida.

Na xuntanza celebrada hoxe traballouse para determinar os requisitos da orde de axudas e ata que tramo de rendas do IRPF chegarán estes apoios. “Mantemos o máximo diálogo coas tres asociacións de autónomos de Galicia para asegurar que os requisitos fagan unha orde áxil e flexible e que se adapte o máximo posible ás necesidades do colectivo”, apuntou.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade tamén fixo fincapé na importancia de consolidar e expander o emprego autónomo na comunidade galega e, neste senso, lembrou que a Xunta, a través da nova estratexia para o emprego, Xempre Contigo, está a impulsar o emprendemento, entre outras medidas, a través da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego coa que xa se está a axudar a desenvovler nos seus tres primeiros meses de funcionamento 55 proxectos empresariais e estase a prestar asesoramento a 63 persoas. Trátase, segundo Lorenzana, de potenciar e asesorar para que as iniciativas poidan medrar en condicións de seguridade.

Na actualidade, a Xunta ten activos tres polos dun total de 12 que espera ter en marcha entre este ano e 2023. A Rede, en concreto, xa ten en funcionamento os centros Ourense Centro e Sur (en Verín), Pontevedra Norte e Rías Baixas (en Silleda) e Costa da Morte (en Coristanco).