A ética empresarial: valores básicos
Compartir
Nos últimos anos, asistimos no noso país a un notable incremento do interese por parte das empresas en incorporar a ética e a integridade como parte da súa estratexia empresarial. Son moitos os motivos que empuxan as empresas para incorporar á súa normativa interna os denominados códigos éticos ou de conduta nos que se detallan os principios e valores éticos que deben rexer a actividade da organización e dos membros que a compoñen.
Por unha banda, vivimos nunha sociedade na que o consumidor xa non busca só a calidade ou o prezo á hora de adquirir un determinado produto, senón que a súa compra está mediatizada por outros factores que van condicionar a súa decisión final, entre outros, que se elaborou de maneira sostible, respectando os dereitos dos traballadores ou que a empresa que o produce sexa diversa ou socialmente responsable.
Todos lembramos a campaña de Nike protagonizada por Colin Kaepernick, xogador dos San Francisco 49ers, quen liderou no fútbol americano unha protesta contra a violencia racial nos EE. UU. e que o enfrontou ao propio Donald Trump. Este posicionamento custoulle a súa carreira deportiva, tras o que Nike decidiu fichalo para protagonizar unha das súas campañas baixo o lema: «cre nalgo, mesmo se iso significa sacrificalo todo». Esa campaña incrementou as vendas da compañía en máis dun 31 % e as súas accións acadaron o seu máximo histórico ata esa data.
Doutra banda, a ética corporativa proporciona un gran valor engadido a calquera organización xa que son incontables os informes, estudos e estatísticas a nivel mundial que demostran os beneficios da ética e a súa correlación co desempeño empresarial. En efecto, a ética e a integridade teñen un impacto moi positivo en numerosos aspectos da organización, entre outros: a satisfacción do cliente, a satisfacción laboral dos empregados, a percepción da compañía por parte do público e consecuentemente, a súa reputación, o que se traduce, en xeral, nun mellor desempeño empresarial e, polo tanto, en máis beneficios.
Estas circunstancias xeraron que nos últimos anos tome forza o denominado «investimento ético» que é aquela que se realiza tendo en conta a xestión responsable e a contribución ao desenvolvemento sostible das organizacións nas que se quere investir e que se mide a través dunha serie de indicadores en materia ambiental, social e de bo goberno, máis coñecidos polas súas siglas en inglés (ESG).
Daquela, se queremos ser unha empresa máis competitiva e non quedar fóra dun mercado cada vez máis esixente, deberemos incorporar a ética como un dos piares básicos da nosa estratexia empresarial e conseguir crear unha verdadeira cultura ética na nosa organización. E isto pasa pola implicación dos órganos reitores e mandos directivos da compañía na difusión desta cultura corporativa, o que se coñece no mundo anglosaxón como o «tone from the top».

Alba Lema
Presidenta da World Compliance Association
CEO de SMC COMPLIANCE.